A Comunidade de Madrid externaliza a vacinación

Un contrato "a dedo" inaugura desde a Comunidade de Madrid a externalización da aplicación da vacina da Covid-19.
A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, xunto ao líder estatal do PP, Pablo Casado.
photo_camera A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, xunto ao líder estatal do PP, Pablo Casado. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Goberno rexional de Madrid, presidio por Isabel Díaz Ayuso (PP), subcontratou sen realizar concurso público ningún os servizos da Cruz Vermella para a vacinación contra a Covid-19 por 804.098 euros. O contrato "a dedo" fíxose escudándose na urxencia derivada da pandemia.

A resolución figura nunha orde con data de 29 de decembro de 2020 pola que se contrata o "servizo de apoio á vacinación fronte á Covid-19 na campaña 2021 da Comunidade de Madrid".

Segundo este documento, o Goberno rexional aboará á Cruz Vermella Española no primeiro mes 136.533 euros e 133.512 os cinco meses seguintes.

Do total, a maior parte, 87.922 euros ao mes, destinaranse á Cruz Vermella para custear os servizos de 12 profesionais sanitarios; mentres que 16.094 euros mensuais irán  para compras de material sanitario, outros 13.680 para alugueiro e mantemento de vehículos e 2.746 ao mes pra sufragar  as compras de uniformes. 

Como recollía Nós Diario na segunda feira, 4 de xaneiro, o conselleiro de Sanidade madrileño, Enrique Ruiz Escudero, afirmou na segunda feira nunha entrevista en TVE que o Goberno contaría con "todos os recursos necesarios para administrar as vacinas", xa sexan "públicos ou privados, segundo as necesidades que vaiamos requirindo".

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid rexeitou a privatización da vacinación que implica o contrato coa Cruz Vermella. Nun comunicado, a entidade sinala que este feito é mostra da "incapacidade" da Consellaría de Sanidade e do abandono dos servizos públicos en mans privadas.

Esta semana comezaba con preocupación ante o incremento dos contaxios e con Madrid tendo aplicado só 6% das vacinas recibidas. Catalunya tamén facía soar as alarmas, con só 14% delas inxectadas, aínda que posteriormente actualizaba os datos, sinalando que 10.475 persoas xa foran vacinadas, 2.182 na segunda feira. Após ser criticado o demorado arranque de vacinación, o Govern catalán comunicou que a previsión é inxectar 738.000 doses nas vindeiras 12 semanas, inxectando 8.800 vacinas diarias de media.

As comunidades endurecen as restricións ante a terceira onda

A Consellaría de Sanidade de Castela e León informou de que o comité de expertos para o coronavirus recomenda un confinamento domiciliario de dúas semanas, igual ao de marzo, ante o alto aumento de contaxios, aínda que, recordou, a Comunidade non ten potestade para ordenalo.

No País Valencià, o Govern anunciou o adiantamento do recoller obrigatorio ás 22 horas e a prohibición a hostaleiros de abrir logo das 17 horas. Ademais prohibe fumar nas terrazas dos estabelecementos. Estremadura tamén se sumou ao endurecemento das medidas que están a tomar as comunidades, fechando a hostalaría, o comercio non esencial e os espectáculos en localidades con máis de 50.000 habitantes con incidencia superior aos 500 contaxios por cada 100.000 habitantes. A Rioxa publicou a prohibición de reunións de máis de catro non conviventes. 

Comentarios