A comunidade científica dá o visto bo á vacina rusa Sputnik V

Segundo os resultados do estudo en Fase III publicados pola revista científica The Lancet, Sputnik V logrou unha eficacia cercana a 92%.
EuropaPress_3545097_01_february_2021_argentina_buenos_aires_vial_of_russias_sputnik_covid-19
photo_camera Mostra da vacina, nunha imaxe tirada en Bos Aires, Arxentina (Foto: Patricio Murphy / SOPA)

A comunidade científica internacional deu luz verde á vacina rusa contra a Covid-19, criticada duramente durante os últimos meses pola falta de transparencia que rodeou as investigacións. Segundo os resultados do estudo en Fase III publicados pola revista científica The Lancet, Sputnik V logrou unha eficacia do 91,6%, unha cifra similar á obtida polas súas homologas occidentais.

"Rusia sempre tivo razón", declarou Kirill Dmitriev, á fronte do Fondo Ruso de Investimento Directo, a entidade estatal rusa promotora do tratamento, que recibiu con satisfacción a publicación do estudo científico.

De acordo co documento científico, un total de 19.866 voluntarios participaron nos ensaios dirixidos polo Instituto Gamaleya de Moscova, sendo divididos estes en dous grupos: uns recibiron a vacina e outros un placebo. No primeiro só se rexistraron 16 casos sintomáticos da Covid, no segundo foron 62.

En persoas maiores de 60 anos, a eficacia do medicamento tamén demostrou ser similar.

O tratamento, consistente en dúas inxeccións con dous vectores diferentes do adenovirus administradas cunha diferenza temporal de tres semanas, xa está a ser distribuída entre a poboación xeral, despois de que en decembro, nunha primeira fase, se priorizase o persoal sanitario ou o do sector do ensino.

"Efectiva" malia os "atallos"

"O desenvolvemento de Sputnik V foi criticado por unha présa indecorosa, por buscar atallos e por falta de transparencia", escriben, na mesma revista científica, os profesores Ian Jones, da Universidade de Reading, e Polly Roy, da London School of Higyene and Tropical Medicine.

"Mais o resultado aquí é claro e o principio de vacinación demostrouse", continúan. A partir de agora, "unha nova vacina pode ser engadida á loita para reducir a incidencia da Covid-19", conclúen os dous científicos.

Comentarios