A comunidade científica alerta do perigo dos comentarios de Trump

Cualifica de "potencialmente mortal" a suxestión do presidente estadounidense de que se estude o uso de desinfectantes para tratar a COVID-19.

trump
photo_camera "Sóame interesante", manifestou Trump a respecto de inxectar desinfectantes no corpo (Polaris)

Na reunión informativa diaria na Casa Branca sobre o SARS-CoV-2, William Bryan, subsecretario interino de ciencia e tecnoloxía do Departamento de Seguridade Nacional, fixo unha presentación sobre a capacidade da luz solar, o cloro e o alcol isopropílico para eliminar o coronavirus no aire e en superficies.

Tras esa intervención, Trump suxeriu na quinta feira, 24 de abril, que os científicos poderían atopar algunha forma de usalo tamén sobre o corpo humano, expoñéndoo á luz ultravioleta ou inxectando desinfectantes no organismo para combater o virus. "Sóame interesante", manifestou.

A canle de TV NBC consultou profesionais da medicina, que lembraron que os desinfectantes como o cloro son velenosos e perigosos cando se manexan mal.

"Esta noción de inxectar ou inxerir calquera tipo de produto de limpeza no corpo é irresponsábel e perigosa. É un método común que as persoas utilizar cando queren suicidarse, declarou Vin Gupta, pneumólogo e experto en políticas de saúde global.

Tamén no twitter houbo reaccións. Por exemplo, o profesor na Facultade de Medicina da Universidade de Harvard Bryan Hayes escribiu: "Por favor, non fagades isto. Respectuosamente, todos os toxicólogos".

Comentarios