O "procés"

En Comú Podem desmárcase do consenso polo referendo e pide "eleccións xa"

Probabelmente envalentonados polo recente inquérito do centro de estudos demoscópicos da Generalitat, que aponta a unha leve queda do voto independentista, a marca catalá de Podemos afirma agora que o referendo "non aportaría nada" e pide unha nova convocatoria eleitoral.

Xavier Domènech
photo_camera Domènech

Apenas 11 días durou a alianza táctica dos comúns coas formacións soberanistas. Aqueles participaron, através de Ada Colau, na cimeira unitaria do 23 de decembro a prol do referendo. A alcaldesa de Barcelona e principal referente da confluencia manifestou aquel día o seu apoio á consulta. Iso si, sempre e cando estivese pactada con Madrid e tivese apoio internacional.

En todo caso, naquel momento Colau erguía, embora con esas reservas, a bandeira do referendo. Esta cuarta feira, a súa posición foi desairada polo portavoz da confluencia no Congreso, Xavier Domènech, que enfaticamente afirmou que "en Catalunya son necesarias unhas eleccións xa" porque o referendo "non achegaría nada". E non o faría porque, salienta o voceiro parlamentar, o Estado nunca o apoiará e a súa realización sería un remedo da consulta do 9N, confronto con Madrid que findou na imputación de altos cargos soberanistas. 

A confluencia continuaría a ser a cuarta forza do Parlament, por detrás de JxSí, Cs e PSC

Domènech invoca as urnas após se coñecer un inquérito que sinala unha certa tendencia á alza da súa organización e unha leve queda das formacións independentistas. Porén, Catalunya si que es Pot, embora podería incrementar a súa representación en tres ou catro actas, continuaría a ser a cuarta forza política do Parlament, moi por detrás de Junts pel Sí, que voltaría a gañar amplamente, Cs e PSC.

As declaracións do líder dos comúns en Madrid apañaron co pé cambiado aos cadros dirixentes da súa formación en Catalunya e causaron non pouca irritación en Ada Colau.

Comentarios