Con máis de 60 expertos

Compostela acolle o 6-O un foro sino-europeo organizado polo IGADI e a Academia de Marxismo chinesa

O IGADI, a través do seu Observatorio da Política China, e a Academia de Marxismo de Ciencias Sociais da China organizan un completo foro sobre a cooperación sino-europea no marco da Iniciativa da Franxa e a Ruta. Terá lugar en Compostela o 6 de outubro.

Deng Observatorio da Política Chinesa
photo_camera [Imaxe: Observatorio da Política Chinesa] Deng Chundong

Concibido como unha proposta de diálogo entre a China e Europa, o foro “A cooperación sino-europea no marco da Iniciativa da Franxa e a Ruta”, terá lugar o 6 de outubro no Hotel Celuisma Los Tilos, en Santiago de Compostela. Aliás, este ano tamén se celebrará en Roma e en París.

No marco deste encontro, no que se tratarán, amais da cooperación sino-europea, os modelos de globalización, o diálogo de valores ou as oportunidades para Galiza no marco da revitalización da Ruta da Seda que promove a China, participarán perto de 60 especialistas chineses. Serán estes expertos quen abordarán o papel do marxismo na reforma en curso; o XIX Congreso do Partido Comunista que será inaugurado en Beijing o próximo 18 de outubro e o centenario da Revolución de Outubro, entre outros temas de interese.

O foro evidencia o recoñecemento que existe na China do nivel acadado polo programa de estudos chineses que promove o IGADI desde hai máis de dúas décadas.

Programa

O encontro organizarase en catro mesas redondas, de 9h a 17h, e contará con servizo de intérprete. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do correo [email protected] ou no teléfono 610445024.

O foro abrirá coas intervencións do alcalde de Compostela, Martiño Noriega, do presidente de honra do IGADI, Xulio Ríos, e de Deng Chundong, presidente da Academia de Marxismo da Academia Chinesa de Ciencias Sociais.

Néstor Rego, secretario xeral da UPG, e Eva Solla, secretaria xeral do PCG, moderarán dúas das catro mesas convidados pola súa condición de dirixentes de organizacións galegas que beben do marxismo.

Entre os participantes nas mesas destacan a presenza dos galegos Xavier Vence e Antonio Carlos Pereira Menaut, profesores da USC; Carlos Aymerich, profesor da UDC, ou Celso Cancela, profesor da UVIGO.

Comentarios