Como chegar de Moscova a Caracas: cinco arriscadas operacións para Edward Snowden

O diario The Washington Post publicou unha listaxe de cinco opcións entre as que podería elixir o ex-colaborador da CIA para chegar de Moscova a Caracas. Cada unha das rutas ten as súas vantaxes e desvantaxes, e ningunha delas está exenta de riscos

Ruta 1
Esta opción, tal vez é a máis arriscada, sería cruzar os dedos e coarse nun voo regular desde Moscova á Habana para logo viaxar a Caracas, coa esperanza de non ser capturado. Isto posibelmente significaría voar cun nome falso. A traxectoria podería incluír horas sobre o espazo aéreo dos EUA, así como de tres dos seus aliados: Canadá, Suecia e Noruega.

Coarse nun avión regular até a Habana e agardar non ser capturado é unha opción arriscada mais tamén económica

Vantaxes: É a ruta máis rápida, barata e simple.
Desvantaxes: O ex-colaborador da CIA coñece como ningunha outra persoa as capacidades de espionaxe que ten EUA, indica o artigo de The Washington Post, lembrando que hai semanas Snowden tivo a oportunidade de tomar un voo á Habana (e de feito difundírase a nova de que o ía facer), mais finalmente non o fixo. Probabelmente, tiña razóns para crer que o voo supuña algún perigo para el.

Ruta 2
Neste escenario, Snowden tomaría o mesmo plan de voo que na opción anterior, mais faríao abertamente, poida que nun avión dun alto funcionario ou mesmo do mandatario venezolano, desafiando ao mundo. A idea é que os países europeos, avergoñados polo recente incidente con Evo Morales, non se atrevesen a deter outra aeronave presidencial. 

Snowden podería viaxar nun avión disposto polo goberno bolivariano cuxo presidente xa fixo fronte ao goberno dos EUA

Vantaxes: Non hai risco de quedar "atrapado" se non está vostede ocultando nada, sostén The Washington Post. Asemade, ocorrer o que acontecer co voo, o presidente venezolano, Nicolás Maduro, considérase un valente anti-imperialista disposto a plantar cara aos EUA. 
Desvantaxes: Se o avión de Evo Morales tivo problemas para atravesar Europa pola sospeita de que Snowden ía no interior, trasladar ao filtrador abertamente podería ser aínda máis arriscado. 

Ruta 3
Coñecida tamén como 'a ruta escénica', esta traxectoria requeriría alugar un avión especial para voar a través dunha elaborada ruta ártica e atlántica para evitar calquera espazo aéreo menos o de Rusia e Venezuela. Estímase que a distancia que debería percorrer neste caso sería de 6.835 a 6.924 millas. 

Vantaxes: Esta opción sería unha boa forma de evitar a extradición, xa que o avión non sobrevoaría os países que poden obrigalo a aterrar. Probabelmente trataríase dun voo privado. 

Alugar un avión especial para tomar unha ruta ártica é arriscado e moi custoso mais evitaría cruzar o espazo aéreo estadounidense


Desvantaxes: A opción é moi custosa, potencialmente insegura e "un chisco fílmica", sinala o diario estadounidense. Aliás, non son moitos os avións que poden voar tanto tempo sen repostar e os que poderían facelo (por exemplo, segundo o diario, un jet Gulfstream V) custan decenas de millóns de dólares. As compañías que fan negocios nos EUA poderían non querer alugar un avión a Snowden e participar nunha aventura tan insegura e que implica riscos políticos. Outro problema sería encontrar a tripulación disposta a realizar esta ruta. Asemade, recorda The Washington Post, a maior parte dos voos evitan pasar longas horas sobre océano aberto e máis tomar rutas que poden requerir o uso da reserva de combustíbel, por razóns de seguridade. Por último, se o voo se desviase por calquera motivo, podería rematar no espazo aéreo estadounidense e, mesmo no caso dun voo exitoso, a nave tería que sobrevoar varias illas do Caribe, algunhas delas territorio dos EUA ou do Reino Unido. 

Ruta 4
Snowden podería partir desde o aeroporto de Petropávlovsk-Kamchatski, no Oriente lonxano ruso, ao que poderia chegar en avión ou en tren desde Moscova. Aínda que o aeroporto non ofrece voos a América Latina, o ex-empregado da CIA podería alugar un avión especial, mesmo de maior alcance que un Gulfstream V, para facer unha ruta polo pacífico. Dos países 'amigos' de Snowden, o máis próximo neste caso sería Nicaragua, aínda que suporían 6.554 millas en voo directo (que incluirían sobrevoar o espazo aéreo estadounidense) e 7.000 millas de voo indirecto. 

Snowden podería viaxar até o Irán e empregar un aeroporto especial, mais a ruta é longa e exixe repostar

Vantaxes: O home máis buscado do mundo podería evitar sobrevoar territorios 'hostís'.
Desvantaxes: Igual que na terceira opción, a ruta é tan longa que exixiría un voo especial nun avión epecial. 

Ruta 5
Por último, Snowden podería saír de Europa polo surleste, sobrevoando varios estados de Oriente Próximo e África, que son hostís a EUA, aliados de Rusia ou, como algúns países de África Occidental, están implicados no tráfico de drogas e son demasiado corruptos para aterrar o avión de Snowden, sostén o rotativo estadounidense. Unha das opcións aquí é voar de Moscova a Teherán (que, segundo o diario, sería bastante sinxelo), para logo coller un voo a Chipre, aliado de Rusia. De Chipre viaxaría a Sudán e despois a algún país de África occidental, desde onde América Latina está bastante perto. 

O continente africano podería ser unha opción mais a ruta exixiría sobrevoar Exipto

Vantaxes: Esta opción non resultaría demasiado perigosa nin excesivamente cara. Baséase nos países que non son hostís. 
Desvantaxes: A ruta suporía sobrevoar o territorio exipcio, cuxo exército dependen da axuda financeira estadounidense. Asemade, non hai voos directos entre África Occidental e Venezuela, de maneira que tería que coller un voo especial ou viaxar a outro país de América Latina. Así mesmo, a ruta podería incluír perto dunha ducia de países, e cada un deles podería ser presionado para entregar o ex-colaborador da CIA. 

Artigo traducido de Aporrea.org 

Comentarios