A Comisionada da ONU de DD HH cre que Israel podería ter cometido crimes de guerra

Ábrese o camiño para que a ofensiva xenocida do Exército de Israel en Gaza non fique impune. A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Navi Pillay, acha que existe unha "grande posibilidade" de que Tel Aviv teña cometido crimes de guerra na faixa.

Os ataques contra civís indefensos, e contra crianzas inermes, poderían ser constitutivos de crimes contra a Humanidade. "Os exemplos que acabo de mencionar [di en alusión aos ataques contra a populación civil] parece que mostran que a lei humanitaria internacional ten sido violada até un alcance que podería constituír crimes de guerra", dixo Navi Pillay, segundo recolle un teletipo da axencia Efe.

Pillay pronunciouse nestes termos durante unha súa intervención perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU, reunida para debruzarse sobre a ofensiva do Exército sionista. A Alta Comisionada demandou a realización dunha investigación en profundidade que esclareza o alcance dos crimes cometidos por Israel.

Tel Aviv responde que as declaracións de Pillay son produto dun "impulso emocional" e contra-ataca co argumento de que quen comete os crimes de guerra son as milicias armadas de Hamas.

Segundo a última contaxe de vítimas mortais, e 16 días após Israel ter desencadeado o ataque a Gaza, un total de 651 palestinianos (a inmensa maioría deles civís) foron asasinados, mentres que as baixas no bando israelista ascenden a menos de 30.

Fontes palestinianas cifran os feridos en máis de 4 mil, en canto que a ONU cuantifica o número de desprazados internos polos bombardamentos por enriba das 110.000 persoas.

Comentarios