Saúde Pública decidirá a próxima semana se inocula a segunda dose de AstraZeneca ás vacinadas

O que deben analizar as e os expertos é se a poboación de menos de 60 anos que xa recibiu a primeira parte do tratamento con este fármaco continúa con el ou cambia de vacina.

Doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, avanzou hoxe que a Comisión de Saúde Pública decidirá en cuestión dunha semana se se administra finalmente a segunda dose da vacina contra a Covid-19 creada AstraZeneca a persoas menores de 60 anos que xa recibiron a primeira.

Após o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) desta cuarta feira, a responsábel de Sanidade comentou que a comisión, integrada por membros do Ministerio e dos distintos territorios do Estado español, tomará "a decisión máis acertada", en base a informes.

En concreto, terán en conta o que digan os documentos de expertas e expertos e os resultados e observacións recollidas naqueles estados que aplicaron a vacina de Pfizer na segunda dose. Ademais vanse consultar os ensaios clínicos. 

Madrid ou Andalucía criticaron na última semana a tardanza sobre a decisión ao respecto da adecuación do medicamento de AstraZeneca, tendo en conta os riscos de tromboses.

Por exemplo, a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, avanzou hoxe que está a valorar como opción aplicar a segunda dose a persoas que sexan voluntarias.

"A Consellería de Sanidade o que quere é que o Ministerio se pronuncie dunha vez por todas para saber como fornece a segunda dose pero se non o fai nos próximos días terán que aplicalas para que non se perda o efecto da primeira", remarcou a popular.

Pola súa parte, ao ser interrogada sobre a decisión de países como Noruega de suspender os tratamentos con AstraZeneca, Darias defendeu que "o que se fixo no seo do Consello é maximizar os beneficios, as vacinas son seguras". "Os contextos son distintos en cada país e deben tomar as decisións segundo as súas necesidades", comentou.

Comentarios