A Comisión europea pon prezo ás persoas refuxiadas

Multará os Estados membros con 250 mil euros por persoa non acollida naqueles casos de urxencia cando outro país ultrapase no 150% a súa capacidade. Aliás, acordou conceder a Turquía a súa principal demanda, a desaparición dos visados. 

[Imaxe: ACNUR] Refuxiadas
photo_camera [Imaxe: ACNUR]

O vice-presidente primeiro da Comisión europea, Frans Timmermans, anunciou esta cuarta feira (4 de maio) os acordos adoptados polo goberno comunitario en materia de persoas refuxiadas, dereito de asilo e do acordo asinado con Turquía no mes de febreiro. 

Os Estados membros que non queiran acoller refuxiadas pagarán 250 euros por cabeza rexeitada

Neste senso, a Comisión propón a modificación do Regulamento de Dublín para introducir un mecanismo de distribución automática de persoas refuxiadas naqueles casos en que algún Estado membro vexa ultrapasada nun 50% a súa capacidade de asilo. Así, aqueles países que non queiran acoller serán sancionados con multas de até 250 mil euros. Ou, ollado desde outra perspectiva, poderán deixar de dar acollida pagando esta contía. 

Este mecanismo aplicarase só naqueles países que non teñan o seu cupo cuberto mentres que Reino Unido, Dinamarca e Irlanda poderán decidir se deciden ou non asumir esta modificación de acordo coa súa condición política particular no seo da UE. 

Sancións, tamén para persoas refuxiadas 

A decisión da UE, que no entanto deberá ser aprobada polo Consello (maioría cualificada) e pola Eurocámara (maioría simple). Así as cousas, a Unión Europea acordou unhas cifras de acollemento en xullo e setembro de 2015 que apenas foron cumpridas, caso do Estado español que tan só reasentou 18 persoas refuxiadas das máis de 8 mil que lle correspondían, polo que embora chegaren a un acordo os Estados membros poderían continuar a adiar as súas obrigas. 

A Comisión prevé suprimir algúns dereitos de asilo a aquelas persoas que transiten de maneira 'ilegal' polo territorio da UE

Para alén diso, a Comisión tamén está a estudar un réxime sancionador para aquelas persoas refuxiadas que se neguen a ser rexistradas e mesmo a posibilidade de perder dereitos de acollida se se desprazan de maneira 'ilegal' polo territorio comunitario. Neste senso, os Estados membros poderían aplicar os seus dereitos nacionais sempre que non vulneren, di a Comisión, os dereitos fundamentais das persoas solicitantes de asilo. 

En comparecencia de imprensa, Frans Timmermans, avanzou que a Comisión proporá aliás o mantemento dos controis fronteirizos internos en Austria-Hungria e Austria-Eslovenia; entre Alemaña-Austria; nos portos dinamarqueses con ligazón a Alemaña e na fronteira terrestre Dinamarca-Alemaña; nalgúns pontos da Suecia e nos portos noruegueses con ligazón a Dinamarca, Alemaña e Suecia. Segundo o vice-presidente primeiro da Comisión, estas medidas previstas no Acordo Schengen (artigo 26) manteranse "mentres persistan as deficiencias na xestión de fronteiras" en alusión ao fluxo de chegadas de persoas refuxiadas e migrantes ás costas gregas. A Comisión asegura que o acordo asinado con Turquía reduciu o número de chegadas mais aínda se mantén con 154.862 no que vai de ano a Grecia e 28.593 a Italia, segundo a OIM. 

A contrapartida a Turquía 

Outra das decisións adoptadas pola UE é a desaparición dos visados para a cidadanúa turca que viaxe á UE en periodos de menos de 90 días. Esta constituía unha das principais demandas do goberno turco de cara á sinatura do acordo que tornou Ankara nun tapón para as persoas refuxiadas e estabeleceu o canxe 'dun por un'. 

A UE pagará mil millóns de euros a Turquía polas persoas que están a ser deportadas aos seus campos desde Grecia

Neste senso, aínda que inicialmente a Unión requeriría a Turquía o cumprimento de 72 condicións para desactivar os visados e que se teña posto en dúbida o seu cumprimento perante a persecución á liberdade de imprensa, as forzas da oposición e o pobo curdo, a Comisión accedeu. Así mesmo, a UE acordou pagar mil millóns de euros a Turquía en compensación polos gastos de sanidade e manutención das persoas refuxiadas que están a ser deportadas desde Grecia con dirección aos campos turcos onde organizacións internacionais teñen denunciado abusos e vulneracións de dereitos humanos. 
 

Comentarios