A Comisión Europea imporá o retorno á austeridade en primavera

O límite á débeda permanece en suspenso pola pandemia da Covid-19.
Nadia Calviño na comisión mixta para a Unión Europea. (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño na comisión mixta para a Unión Europea. (Foto: E. Parra / Europa Press)

O retorno ás regras orzamentarias do Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) será antes da previsto. O PEC, unha norma básica no funcionamento da Unión Europea que estabelece aos Estados un límite na débeda pública de 60% do Produto Interior Bruto (PIB) e de 3% do déficit orzamentario, actualmente en suspenso polas urxencias provocadas pola pandemia, está de volta.

Neste sentido, o comisario europeo para os Asuntos económicos e Financeiros, Paolo Gentiloni, admitiu que a Comisión Europea deberá “fixar orientacións para o período seguinte e definir os parámetros para recuperar a normalidade pondo data a suspensión do Pacto de Estabilidade”.

Gentiloni recoñeceu que no mes de marzo a Comisión Europea decidirá a data da activación do PEC. Malia que o dirixente da Unión Europea non quixo entrar a concretar datas para o retorno do mecanismo, adiantou que o Pacto de Estabilidade e Crecemento deberá estar outra vez operativo ao longo de 2022, porén “pode ser no primeiro semestre ou no segundo semestre, en función da evolución da situación e das suxestións dos nosos socios.

En todo caso, dentro dunhas semanas sairemos de dúbidas”. As palabras de Gentiloni preocupan naqueles Estados cuxas economías están máis afectadas pola pandemia e cuxas debilidades estruturais son superiores.

O retorno das regras orzamentarias comúns deixaría boa parte dos Estados da Unión Europeo expostos á apertura de procedementos por déficit excesivo e á definición de metas de consolidación orzamentarias exixentes.

Ao tempo, retirar as medidas de estímulo tan pronto tería consecuencias moi graves na periferia europea, sinalando a este respecto o xornal Financial Times no seu editorial que “as políticas de estímulos na Unión Europea son moi inferiores ás desenvolvidas polos Estados Unidos, polo que retiralas conduciría o sur de Europa a unha recesión sen precedentes”.

O cumprimento dos criterios do PEC obrigará os Estados da UE máis endebedados a acometeren recortes moi fortes. Sen ir máis lonxe, o Estado español soporta unha débeda pública de 120%, polo que a súa redución a 60% obrigaríao a executar tesoiradas de máis de 400.000 millóns de euros.

Comentarios