A Comisión Europea nega terse inclinado ante a China

O xefe da diplomacia europea, Josep Borrell, sostén na Eurocámara que non houbo presións para suavizar un informe sobre as supostas manobras de desinformación de Beijing polo coronavirus.

josep_borrell
photo_camera O Alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell (Jennifer Jacquemart / dpa)

Non houbo presións da China para suavizar un informe da UE sobre as supostas manobras de desinformación de Beijing a respecto do coronavirus. Esta é a postura da Comisión Europea ante a información publicada por The New York Times, que recibiu a filtración dun documento interno.

"Non nos inclinamos ante ninguén. Serei claro, somos un servizo diplomático. Mantemos contacto constante con representantes de terceiros países. Isto inclúe escoitar as súas opinións sobre as nosas políticas e as nosas apreciacións", explicou nesta quinta feira, 30 de abril, o xefe da diplomacia europea, Josep Borrell, ante a comisión de Exteriores da Eurocámara.

O documento filtrado trátase dunha comunicación onde un funcionario europeo explicaba que a China ameazara con represalias á UE se un informe crítico co Goberno do país asiático terminaba vendo a luz. Unhas ameazas que, supostamente, levaron a redactar outra versión edulcorada. Borrell negou as acusacións malia a insistencia dalgúns eurodeputados, aínda que si recoñeceu que as obxeccións chinesas ás críticas que recollen os informes europeos son "o pan de cada día" do traballo diplomático.

"Campaña contra a China"

Pola súa banda, o embaixador da China ante a UE dixo que o seu país tamén está afectado polas campañas de desinformación. "A desinformación é un inimigo para todos nós e todos deberiámola combater. Desde o primeiro momento, a China pacedeu moito pola desinformación", afirmou Zhang Ming .

Comentarios