A Comisión aproba o fondo 'Sure' co fin de limar tensións na UE

Im Süden wird gestorben, im Norden wird gespart. "No sur a xente morre, no norte aforra", sinalaba o xornal alemán Der Spiegel, nunha peza titulada Der Egoismus gewinnt ("O egoísmo gaña"), despois da xuntanza do Consello Europeo da pasada semana. Alí constatouse que os países ricos non están dispostos a acudir ao rescate dos Estados máis afectados pola pandemia da COVID-19. 
26 March 2020, Belgium, Brussels: European Commission President Ursula von der Leyen speaks during a plenary session of the European Parliament to discuss the new developments of the coronavirus (COVID-19) spread across Europe Photo: Nicolas Landemard/Le Pictorium Agency via ZUMA/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

26 March 2020, Belgium, Brussels: European Commission President Ursula von der Leyen speaks during a plenary session of the European Parliament to discuss the new developments of the coronavirus (COVID-19) spread across Europe Photo: Nicolas Landemard/Le Pictorium Agency via ZUMA/dpa

26/3/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Ursula von der Leyen intervén durante a sesión do Parlamento Europeo do pasado 26 de marzo (Nicolas Landemard)

A principal eiva é a partilla da débeda entre todos os Estados. Isto é, non se emitirán eurobonos, os coñecidos como "coronabonos". Italia, Francia, España, Portugal, Grecia, Irlanda, Bélxica, Luxemburgo e Eslovenia avogan por eles, mentres que Alemaña, Finlandia, Países Baixos e Austria, entre outros, opóñense. O primeiro grupo ten unha débeda pública e un déficit moi elevados en comparación co segundo. Así é que este último non quere pagar a conta acumulada polo resto.

Esta filosofía resúmese na xa famosa intervención do ministro de Finanzas neerlandés, Wopke Hoekstra, pedindo unha investigación sobre este desfase económico. A dureza das súas palabras, contestada coa mesma intensidade, por exemplo, por Portugal, levou a que esta semana chegasen as matizacións desde o Goberno da Haia. Tamén, ante a ameaza de que, no caso de fracasar as negociacións, se poida acudir ao Tribunal de Xustiza europeo. Un derradeiro cravo no cadaleito da UE.

Nestes tres primeiros meses de 2020, o proxecto comunitario recibiu tres duros golpes: a consumación do Brexit, a crise migratoria na fronteira con Turquía e o brote do coronavirus, con inacción comunitaria e unilateralidade por parte dos seus membros nos primeiros días. O cuarto desafío será a resposta que esta dea ás consecuencias económicas da pandemia. 

"Europa mudou o ritmo"

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, quere transmitir optimismo e, nunha carta no xornal italiano La Reppublica, recoñece que "nos primeiros días da crise, a maioría pensou nos seus problemas domésticos", mais agora "Europa mudou o ritmo". 

Onte, a presidenta do Executivo europeo presentou o programa Sure ("seguro", "certo", en inglés), unha ferramenta que proporcionará subsidios públicos, apoiados polo conxunto da UE, para o mantemento do emprego nos países máis afectados polo coronavirus. Segundo adiantou o Financial Times, esta ferramenta permitiralle acudir aos mercados internacionais para conseguir os 100.000 millóns de euros cos que pretende financialo.

Ademais, con esta medida quérese aliviar as tensións entre bloques de cara á inminente e decisiva xuntanza do Consello Europeo. Os líderes dos Estados van pulindo as súas posicións de cara a ela. Por exemplo, o primeiro ministro italiano, Giusseppe Conte, afirmaba esta semana nunha entrevista no xornal español El País, que de non haber coronabonos, cómpre "unha ferramenta de débeda común europea". Ademais, sinalaba que "Italia non pide compartir a súa débeda pública acumulada. Esa débeda permanecerá a cargo de cada país".

Extrema dereita

O Goberno neerlandés tamén recoñeceu nas últimas horas que non mostrara "a suficiente empatía". Díxoo o primeiro ministro Mark Rutte nunha comparecencia parlamentaria onde volveu mostrar a súa oposición aos coronabonos. Propuxo como alternativa a creación dun "fondo coronavirus", que faría transferencias e non préstamos, co que as contías non terían que devolverse.

A posición nos Países Baixos non é homoxénea. Non só desde a esquerda se criticou a actitude "insolidaria", tamén dentro da coalición de Goberno conservador-liberal tetrapartita hai quen avoga por un "Plan Marshall" post COVID-19. O euroescepticismo do Partido Popular de Rutte, sumado ás boas expectativas electorais da extrema dereita, explican en parte esta postura intransixente.

Unha situación similar á que acontece en Alemaña, coa ultradereita da AfD (Alternativa para Alemaña) ameazando a hexemonía nas posicións conservadoras da CDU (Unión Demócrata Cristiá) de Angela Merkel. Unha Merkel que segundo unha enquisa desta semana da canle de televisión ZDF está a saír reforzada da crise: 89% cren que se está a xestionar ben, e ademais a CDU subiu 7% en intención de voto.

9 de abril

Desde Francia, pola súa banda, o ministro de Economía, Bruno Le Maire, propuxo un fondo común da UE, que teña a posibilidade de endebedarse, mais de duración limitada no tempo, "cinco ou dez anos", segundo sinalou nunha entrevista no Financial Times. Unha solución que "podería ser máis aceptábel para outros países".

Todas estas medidas serán debatidas nos próximos días. Os ministros de finanzas da zona euro, o Eurogrupo, reuniranse o 7 de abril, e dous días despois farano os primeiros ministros e presidentes, o Consello Europeo

Aprema un acordo, a lei estabeléceo. Os cinco primeiros artigos do Tratado de Lisboa, o texto que conxuga os dous fundacionais da UE, están inzados de referencias aos compromisos de actuación conxunta entre os Estados membros ante catástrofes e outras ameazas. Con espírito de solidariedade e en base ao principio de subsidiariedade.

Comentarios