Comezan as represalias: O BCE ameaza con cortar o crédito a banca chipriota a terza feira

O Banco Central Europeo di que a partir do 26 cortará a financiación de emerxencia. Nicosia recoñece que sen esa inxección o seu sistema bancario non durará unha semana
Chipre rescate

O ministro de Facenda alemán, Wolfgang Schäuble, manifestou tan pronto o Parlamento de Chipre votou contra as condicións do resgate, que “alguén ten que deixar claro aos chipriotas” que para poder seguer a perceber axudas de Europa teñen que se someter a un plan de resgate. Meu dito, meu feito. Un día despois destas declaracións, o BCE ameaza con non dar máis financiación á banca da illa. Se o vindeiro 26 Chipre non ten encamiñado ou acordado un plan de rescate, a billa do Banco Central Europeo pecharase para a banca desta pequena illa do Mediterráneo, cuxo PIB só supón o 0,2% da UE mais que coa decisión parlamentar de non aprobar as draconianas condicións do rescate prantexado pola Troika xerou unha treboada en Bruxelas.

Así pois, comeza o ultimato, ou as represalias, segundo como se mire. A prensa chipriota emprega os dous termos para referirse ao que tamén cualifican como “chantaxe”. Nicosia recoñece que sen esa inxección de cartos o seu sistema bancario caería nunha semana. A institución presidida por Mario Draghi afirmou que só manterá a axuda de liquidez de emerxencia até a segunda feira, 25 de marzo.

Apertar a porca

Desde Bruxelas óptase, xa que logo, por apertar as porcas a Chipre. Este pequeno país está a procurar outras vías de financiación, principalmente en Rusia, que xa fixera un empréstito de 2.500 millóns de euros ao que podería se engadir outro de 5.000 millóns.

Comentarios