Comeza o xuízo polo asasinato do xornalista saudita Yamal Jashogi

Entre as 20 persoas procesadas 'in absentia' están dous antigos altos responsábeis do Goberno de Arabia Saudí.
EuropaPress_2405731_02_october_2019_belgium_brussels_street_sign_holds_the_name_of_the_saudi
photo_camera Rúa en Bruxelas en homenaxe ao xornalista asasinado no consulado saudita en Estambul (Ophelie Delarouzee / Belga)

Un tribunal de Estambul deu inicio onte ao proceso contra vinte cidadáns sauditas, entre estes dous antigos altos responsábeis do Goberno do reino árabe, imputados todos en relación ao asasinato en 2018 do xornalista Yamal Jashogi no consulado de Arabia Saudí da cidade turca.

Estes dous altos cargos son Ahmed Al Asiri, ex subxefe da Intelixencia saudita, e Saud Al Qahtani, ex asesor do príncipe herdeiro, Mohamed bin Salman, e home forte da monarquía saudita. Serían, segundo os cargos, responsábeis últimos de "instigar un homicidio premeditado con intención monstruosa".

Os outros 18 acusados están imputados por torturar e asasinar o xornalista, o 2 de outubro de 2018, dentro do consulado, cando arranxaba os papeis para casar coa prometida del, Hatice Cengiz, que testificará no xuízo.

De acordo co relato da acusación, Jashogi foi estrangulado até morrer e o seu corpo foi posteriormente desmembrado. Os restos mortais deste reporteiro do diario estadounidense The Washington Post, no seu día próximo á Casa Real antes de se converter nunha voz crítica, non foron atopados polo momento.

A Fiscalía turca pide a cadea perpetua con agravante para todos os acusados, a sentenza máis dura que impón o código penal turco desde a abolición da pena de morte en 2002.

No xuízo tamén comparecerá a relatora especial das Nacións Unidas sobre asasinatos extraxudiciais, Agnes Callamard, que investigou o asasinato de Jashogi.

Arabia Saudí desenvolveu unha investigación de seu, criticada internacionalmente, que acabou cunha sentenza de morte contra cinco dos implicados e pena de cárcere para outros tres acusados, nunca identificados.

Comentarios