'Impeachment'

Comeza o xuízo político contra Donald Trump

O pasado mes de setembro facíase pública a información que implicaba o presidente dos Estados Unidos nun caso de abuso de poder. Catro meses despois, Donald Trump senta no 'banco dos acusados' coa seguridade de que —malia as novas evidencias achegadas esta semana— será absolto pola maioría republicana do Senado.

impeachment
photo_camera Unha simpatizante de Trump viste unha chaqueta de "protectora presidencial" (Europa Press)

Tras unha pausa de tres semanas, o procedemento de destitución de Donald Trump ─o impeachment─ entrou nunha fase decisiva. Onte botou a andar no Senado coa presentación formal por parte da Cámara de Representantes dos cargos contra el e coa toma de posesión dos actores na causa. O presidente do Tribunal Supremo, John Roberts, xurou o cargo de 'xuíz' da causa, e posteriormente fixérono as e os senadores, o 'xurado'. A seguir, citouse oficialmente a Trump para que responda dos cargos.

O proceso, moi cerimonial, comezou un día antes coa sinatura por parte da presidenta da Cámara baixa, Nancy Pelosi, dos artigos do impeachment. A sinatura en si xa provocou polémica. A secretaria de prensa da Casa Branca, Stephanie Grisham, criticou o número de bolígrafos empregados no acto solemne ─máis de 30, en bandexas de prata, segundo se apreciaba nas imaxes─ que, segundo denunciou no Twitter, foron regalados como souvenirs.

Unha vez asinados, Pelosy entregou os documentos aos sete membros representantes da Cámara de Representantes ─que ela mesma designou─ e que exercen o papel de fiscais. Adam Schiff, Jerry Nadler, Hakeem Jeffries, Zoe Lof-gren, Val Demings, Jason Crow e Silvia Garcia, os chamados impeachment managers, camiñaron en procesión desde a Cámara de Representantes, na ala sur do Capitolio ─o edificio que acolle o Parlamento bicameral estadounidense─ até a ala norte, onde está o Senado. O sarxento de armas do Congreso, Paul D. Irving, escoltou o desfile en todo momento.

O Senado, de maioría republicana, declinou aceptar oficialmente os documentos e requiriu aos impeachment managers que regresasen onte para leren de viva voz os cargos contra o presidente.

Superado este trámite preliminar, está previsto que o xuízo político en si dea inicio nos próximos días, aínda que se traballa coa idea da semana que vén, segundo os medios estadounidenses. O líder republicano no Senado, Mitch McConnell, sinalou aos medios de comunicación que o xuízo comezaría "en serio" na próxima terza feira, xa que na segunda se celebra o día de Martin Luther King Jr., festivo nos EUA.

O caso ucraíno 

O pasado 18 de decembro, a Cámara de Representantes aprobou nunha histórica sesión abrir o proceso de impeachment contra Donald Trump, o terceiro da historia. Está acusado de "abuso de poder" e de "obstrución á investigación"

O cargo de "abuso de poder" susténtase nas conversas que Trump mantivo co presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. Todo comezou o pasado mes de setembro coa publicación por parte do Wall Street Journal dunha información, filtrada por un confidente, onde se aseguraba que o presidente estadounidense presionara até en oito ocasións o seu homólogo ucraíno, recentemente elixido. 

Con estas chamadas, Trump procuraba que Zelenski prestase axuda ao seu avogado Rudolph Giuliani na apertura dunha investigación a Hunter Biden. Hunter Biden formaba parte do Consello de Administración da empresa gasística Burisma e é fillo de Joe Biden, ex vicepresidente norteamericano e principal candidato demócrata a disputar a presidencia a Trump nas eleccións de novembro, segundo as últimas enquisas. 

Nunha información publicada a pasada segunda feira por The New York Times asegurábase que hackers rusos tentaron penetrar no sistema informático de Burisma. Os métodos empregados, segundo os expertos consultados polo xornal estadounidense, son moi similares aos usados no hackeo dos ordenadores do Partido Demócrata na precampaña dos comicios de 2016.

Ademais, en declaracións á MSNBC, o socio de Giuliani implicado nas xestións en Ucraína, Lev Parnas, asegurou esta cuarta feira que Donald Trump "sabía exactamente o que estaba pasando". "Nunca faría nada sen o consentimento de Rudy Giuliani ou do presidente", afirmou. Os avogados de Parnas presentaron esta semana novas evidencias (fotos, mensaxes de texto, ...) a este respecto, mais os republicanos non queren que fagan parte do proceso que agora comeza no Senado.

Cámara baixa, demócrata

O 24 de setembro, coñecida a información, a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, anunciaba a apertura dunha investigación de cara a un posíbel impeachment, que botou a andar finalmente o 13 de novembro coas audiencias das testemuñas.

O segundo cargo que afronta Trump, o de "obstrución ao Congreso" vén derivado do primeiro e baséase na negativa por parte do presidente a colaborar coa Cámara baixa, que non puido acceder a numerosos documentos nin a testemuñas clave.

Rematado o proceso de instrución, as e os representantes do Partido Demócrata chegaron á conclusión de que había "probas abafadoras" para imputar o presidente Trump. O 5 de decembro, Pelosi encargou á comisión xudicial redactar as acusacións, que foron aprobadas pola maioría demócrata da Cámara de Representantes dúas semanas despois.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios