Ás 18 horas a participación estaba 22 puntos por debaixo da cifra de 2017

Eleccións catalás: A cifra de votantes non chega á metade do censo

No último treito horario para que o electorado xeral acudise a vota, até as 19 horas, a participación na elección catalás deste domingo era de 45,73%, 22 puntos e medio por debaixo da cifra de 2017 que constituira un récord de participación.
EuropaPress_3562821_varias_personas_hacen_cola_votar_mercado_st_antoni_barcelona_cataluna
photo_camera Varias persoas gardan cola ás portas do mercado de Sant Antoni, en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O impacto da pandemia séntese nas urnas. Se ás 13 horas deste domingo votara o 22,78% do electorado, cinco horas máis tarde os datos non melloraban. Ás 18 horas a porcentaxe de participación nas elecións era de 45,73%, 22 puntos e medio por debaixo de 68,26 rexistrado en 2017.

A partir das 19 horas chega a quenda horaria para que acudan ás urnas as persoas contaxiadas de Covid-19, polo que non se agarda que a porcentaxe de participación poida sufrir un repunte no tramo final da xornada. Así pois, Catalunya vive unha xornada de forte abstención, coa segunda participación electoral máis baixa da súa historia. Ademais da abstención relacionada co virus, hai varios factores que poden influír nesta caída: franxas horarias, votación por correo e demora na creación dunhas cantas mesas.

Por circunscripción, a participación en Barcelona é do 22,51% (-12,07 puntos); en Girona, o 24,19% (-11,01); en Lleida, o 24,18% (-10,23); e en Taragona, o 22,70% (-12,41).

Un total de 1.225 cataláns residentes en Andorra participaron nas eleccións á presidencia da Generalitat, 2.249 menos que nos comicios de 2017, cando foron 3.474. Un total de 1.466 electores pediron o voto, o que conforma 10,52% do censo total, constituído por 13.941 persoas, mentres que en 2017 pedírono 3.951 dun censo total de 13.135, segundo informou o Consulado de España no país alpino a través de Twitter.

Máis de cinco millóns de cataláns e catalás foron chamados a votar nestas eleccións, un total de 2.763 locais electorais repartíronse polo territorio, 83 máis que nos últimos comicios ao Parlamento, e o número de mesas ascendeu a 9.139, 900 máis que hai tres anos.

Neste ano hai tamén houbo maior número de titulares e suplentes das mesas pero máis de 34.000 persoas presentaron alegacións para non formar parte dunha mesa. Ante esta situación a Xunta Electoral española (XEC) autorizou o traslado de suplentes entre colexios electorais se se producise vacante nalgunha mesa.

Outra das anomalías previstas é que os resultados finais, por mor das medidas de seguridade ante a Covid-19, se coñezan máis tarde do habitual.

A participación nos anos anteriores

As eleccións ao Parlamento catalán de 2017 congregaron unha participación récord, chegando a 79,9%. Algo menos elevada fora a participación dos comicios de 2015, con 74,95%. Neste caso, a situación sanitaria apunta a que porcentaxe de votos será máis baixa, a menor que se lembra en Catalunya corresponde a hai case 30 anos, en 1992, cando se rexistrou unha participación de só 54,87% do electorado.

Os datos doutros territorios que celebraron eleccións desde que a pandemia da Covid-19 chegou á Península Ibérica, foron a Galiza, que rexistrou unha participación de 58,88%, e Euskadi, onde porcentaxe de 52,86% do electorado acudiu ás urnas.

Na outra banda, na das cifras máis elevadas, están as solicitudes do voto por correo, que chegou até as 284.706, 350% máis que nas últimas eleccións parlamentarias.

O voto exterior tamén sofre unha importante caída, e queda nas 15.852 persoas que solicitaron o voto desde o estranxeiro, menos da metade que nas eleccións de 2017.

Comentarios