O ex major Trapero acude á Audiencia Nacional na segunda parte do xuízo contra o procés

Quen se convertera nun dos rostros máis carismáticos e aclamados da sociedade catalá polo seu papel como xefe policial no marco dos atentados das Ramblas e Cambrils en agosto de 2017 e no contexto do referendo de 1 de outubro de 2016, o ex major dos Mossos d’Esquadra, Josep Lluís Trapero, acudiu onte á sede da Audiencia Nacional para ser xulgado por un delito de rebelión pola súa suposta participación no referendo de autodeterminación do 1-O. 
 
Cesar Puig, Pere Soler, Teresa Laplana e Josep Lluís Trapero (Imaxe: Pool)
photo_camera Cesar Puig, Pere Soler, Teresa Laplana e Josep Lluís Trapero (Imaxe: Pool)

Ás dependencias da Audiencia Nacional en San Fernando de Henares, Madrid, acudiu onte o ex major dos Mossos d’Esquadra Josep Lluís Trapero, para ser xulgado na segunda parte da causa contra o procés. A Fiscalía acúsao dun delito de rebelión pola súa suposta participación no desenvolvemento do referendo de autodeterminación que se levou a cabo en Catalunya a 1 de outubro de 2017. 

Trapero, que foi destituído cando a aplicación do artigo 155 da Constitución española e substituído polo seu número dous, o comisario Ferrán López, enfróntase a unha solicitude de 11 anos de prisión por ese delito de rebelión, cando as e os líderes políticos independentistas foron condenados polo Tribunal Supremo por sedición. 

A acusación considera que Trapero puxo o corpo dos Mossos ao servizo do proxecto soberanista do Govern catalán co obxectivo de conseguir a independencia. Mais Trapero xa declarou ante o Supremo o pasado 14 de marzo de 2019, no marco da causa contra as e os líderes políticos e sociais, que os Mossos non desobedeceron a lei española nin as ordes xudiciais, e chegou a afirmar que o corpo que comandaba tiña un plan para deter o daquela president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, e as e os consellers, se así for demandado pola xustiza. 

No día de onte, ante a Audiencia Nacional, Trapero voltou a remarcar de novo que non seguía ordes do Executivo catalán. Así, preguntado polo fiscal Miguel Ángel Carballo sobre o seu coñecemento do proxecto independentista, o ex major respondeu que "nin o coñecín, nin se me expuxo, nin se me consultou, nin coñezo a ninguén a quen se lle tiver exposto algo similar". En canto ás preguntas sobre a creación dunha comisión para o proceso constituínte pola Generalitat, o ex major respondeu que lle pareceu unha "barbaridade máis das moitas que se estaban a facer" naqueles anos.

A comezos de setembro de 2016, segundo relatou onte o ex major, foi convocado a unha reunión da man do entón secretario do Govern, Joan Vidal de Ciurana, no Palau da Generalitat. Naquel momento o Executivo tiña o obxectivo claro de realizar o referendo de autodeterminación e Trapero foi consultado sobre que acontecería nun cenario cunha dobre lexitimidade. "A dobre lexitimidade non existe", dixo Trapero ao secretario do Govern, segundo testificou onte e, ante a insistencia do membro do Executivo, voltou a responder que "o corpo faría sempre o que dixesen os xulgados".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios