Comeza a retirada das barricadas en Kosovo tras volver Pantic a casa

Serbia acepta as garantías da UE e da OTAN con respecto á situación da comunidade serbia no norte de Kosovo, o que, xunta o paso de Pantic a arresto domiciliario, levouna a acordar a retirada das barricadas.
Camión que apareceu queimado onte nunha das barricadas, após facerse público o acordo para retiralas. (Foto: Xhemajl Rexha)
photo_camera Camión que apareceu queimado a quinta feira nunha das barricadas, após facerse público o acordo para retiralas. (Foto: Xhemajl Rexha)

A poboación serbia, maioritaria no norte da República autoproclamada de Kosovo, iniciou a quinta feira a retirada das barricadas instaladas desde o 10 de decembro na zona, reabrindo os pasos da liña administrativa, nun proceso que se agarda sexa finalizado hoxe e que recibiu os parabéns da Organización das Nacións Unidas, que insta a impulsar a estabilidade na rexión.

A principal petición das protestas era a liberación do ex policía Dejan Pantic, que formaba parte das forzas de seguridade dos serbios en Kosovo que dimitiron cando Pristina tratou de confiscar os coches con matrículas serbias a comezos de novembro.

Pantic foi detido por supostamente atacar a comisión electoral municipal en Mitrovica Norte, algo que os manifestantes consideran unha nova represalia contra a comunidade serbia, que denuncia a negación dos seus dereitos coa intención de expulsala do territorio kosovar.

A cuarta feira, a voceira do Tribunal Básico de Pristina, Mirlinda Gashi, comunicou que “os fiscais especiais de Kosovo pediron ao tribunal que o poña [a Pantic] baixo arresto domiciliario, e esta petición foi aprobada polo tribunal”.

O primeiro ministro kosovar, Albin Kurti, cuestionou a decisión xudicial trasladando a súa sorpresa e curiosidade “por ver quen é ese fiscal que fixo a solicitude e quen é ese xuíz que a aprobou”.

“Lembrámoslle ao primeiro ministro que os xuíces son e deben ser independentes”, contestoulle o Consello Xudicial, que o acusou de interferencia, recolle Balkan Insight.

En todo caso, o auto permitiu desbloquear a situación, polo que o presidente serbio, Aleksandar Vucic, desprazouse a Raska a reunirse coa comunidade serbia en Kosovo, facendo público na madrugada que unha vez cumprida a volta a casa de Pantic resolveron aceptar as garantías da Unión Europea e da misión da Organización do Tratado do Atlántico Norte en Kosovo e iniciar a desmontaxe das barricadas. “Non nos queda máis remedio” que crelos, afirmou o mandatario.

As demandas adicionais da poboación serbia incluían que as unidades armadas das forzas de seguridade kosovares abandonen o norte de Kosovo e que Pristina confirme que non preparou listaxes de cidadáns serbios para ser arrestados polas protestas, algo que o Goberno de Kurti ratificou a Bruxelas e Washington.

Nunha carta lida por Vucic, serbios en Kosovo alertan de que “se continúan as detencións e o terror contra o pobo serbio fecharemos para sempre o norte de Kosovo ás institucións discriminatorias de Pristina”.

Comentarios