Arrincan as votacións no Donbass para a adhesión a Rusia

Os referendos convocados en Donetsk, Lugansk, Kherson e Zaporizhzhia decorrerán desde esta sexta feira até a próxima terza.
(Foto: Diy13)
photo_camera Boa parte da comunidade internacional non recoñece a validez das votacións. (Foto: Diy13)

A primeira hora desta sexta feira arrincaron as votacións nas rexións de Donetsk, Lugansk, Kherson e Zaporizhzhia para determinar a súa posíbel adhesión á Federación Rusa, a través de senllos referendos que foran anunciados a comezos desta semana.

A votación iniciouse ás 8 horas [hora local] e as urnas fecharán contra as 16 horas. Os mesmos horarios repetiranse até a vindeira terza feira, día 27, cando está previsto que remate o proceso.

"Apoia vostede a adhesión da República Popular de Donetsk a Rusia como suxeito da Federación Rusa?", reza a papeleta distribuída neste óblast do Donbass. A fórmula escollida é moi semellante en Lugansk, mentres que nas rexións de Kherson e Zaporizhzhia preguntarase se a cidadanía está a prol, ou en contra, da separación de Ucraína, a formación dun Estado independente e a súa adhesión á Federación Rusa.

En 2014, no marco dos primeiros enfrontamentos armados no Donbass, a poboación fora convocada ás urnas en Donetsk e Lugansk para determinar a independencia destes territorios e a súa separación de Ucraína, votacións que, segundo as autoridades destas repúblicas autoproclamadas, fecharon cun apoio a esta opción superior a 90% e unha participación de perto de 75% —entre 24 e 32%, segundo o Goberno ucraíno—.

Na mesma semana na que as tropas rusas entraron en territorio ucraíno, Vladímir Putin asinou un decreto no que recoñecía formalmente a independencia destes dous territorios que agora, xunto a Kherson e Zaporizhzhia, votan a súa posíbel adhesión a Rusia nos referendos convocados polas autoridades independentistas.

Denis Miroshnichenko, presidente da Cámara de Lugansk, foi o primeiro en anunciar a convocatoria e, pouco tempo despois, o seu homólogo no Parlamento de Donetsk, Alexei Kofman, seguiu os seus pasos.

"Queremos que a fronteira rusa estea entre nós e Ucraína. Queremos formar de novo parte da 'gran patria', Rusia. O pobo do Donbass meréceo", sostén a moción parlamentaria aprobada e asinada por Kofman.

Porén, a Unión Europea, os países que integran a OTAN e Kíiv, entre outros, non recoñecen a validez destas votacións, que cualifican de "farsa" no medio da escalada da tensión bélica en Ucraína.

Comentarios