O comercio mundial, en risco de colapso

Tanto o comercio mundial como a alimentación de varios miles de millóns de persoas depende de 14 pescozos de botella críticos. O seu fechamento ou a interrupción do tráfico en calquera deles podería ter consecuencias sistémicas, ademais de condenar a pasar fame a millóns de persoas no mundo.
14 pescozos de botella chave do comercio mundial, xunto ás principais rutas comerciais, descubertos por Chatham House (Infografía: Nós Diario).
photo_camera 14 pescozos de botella chave do comercio mundial, xunto ás principais rutas comerciais, descubertos por Chatham House (Infografía: Nós Diario).

As disfuncións provocadas pola aparición da Covid-19 primeiro, e o conflito en Ucraína despois, están poñendo ao límite a loxística comercial mundial. A nivel planetario, o sistema de transporte move anualmente millo, trigo, arroz e soia para alimentar 2.800 millóns de persoas.

Apenas tres cultivos, millo, trigo e arroz, supoñen 60% da inxestión mundial de alimentos, e, incluíndo estes produtos, até 80% do comercio internacional prodúcese por vía marítima, sinala a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento, un tráfico que en 2019, o último ano antes da consolidación da pandemia de SARS-CoV-2, superou as 11.000 millóns de toneladas.

Ademais dos alimentos en si, tanto para persoas como para animais, esta loxística tamén move as 180 millóns de toneladas de fertilizantes que garanten a produción das terras de cultivo.

Alén da importancia do transporte marítimo, outras infraestruturas son imprescindíbeis para que a cadea funcione, como o transporte interior nas zonas exportadoras, xerando nas zonas de maior movemento 14 pescozos de botella críticos para o funcionamento do sistema.

"É posíbel que unha interrupción grave nun ou máis destes pescozos de botella provoque escaseza de subministracións e picos de prezos", resolve Chatham House, unha entidade británica coñecida tamén como Instituto Real de Asuntos Internacionais, provocando "consecuencias sistémicas que poderían ir más aló dos mercados de alimentos".

Nun informe elaborado pola entidade, salienta que a dependencia destes nodos de comunicación está medrando. Os fluxos de comercio estudados na última actualización, en 2020, do reporte The Geography of Transport Systems, apuntan que a proporción de cereais e fertilizantes que pasa por estes puntos continúa medrando. De feito, os pescozos de botella máis importantes en conxunto, os dos Estados Unidos, Brasil e o mar Negro, representan 53% das exportacións mundiais de trigo, arroz, millo e soia.

Só desde o mar Negro, afectado directamente polo conflito bélico en Ucraína, sae cada ano a quinta parte do trigo que se consume no planeta.
Pero non son únicos lugares críticos, a canle do Panamá e o estreito de Malaca (Malasia, Singapur e Indonesia) son os que moven o maior número de grans, e por este último transitan máis da cuarta parte das exportacións mundiais de soia.

Abordar o problema

Froito do risco de crise alimentaria que suporía o feche dalgún destes puntos, a entidade británica reclama que a Organización das Nacións Unidas asuma o liderado á hora de garantir a distribución, identificando "corredores críticos de seguridade alimentaria" para, con posterioridade, impulsar "memorandos de entendemento para a protección do comercio de alimentos críticos a través dos pescozos de botella". 

Amais, advirte de que "o risco de interrupción non é de ningunha maneira unha preocupación só para os países de baixos ingresos", mencionando o Xapón e Corea do Sur. No país insular, arredor do 75% das importación de millo e trigo dependen do paso en Panamá.

Asia Occidental e África do Norte, os máis afectados

A exposición dos países a unha interrupción grave da subministración depende por unha parte da capacidade de produción alimentaria, e pola outra das alternativas coas que conte ao feche dun destes pescozos de botella, tendo en conta que dos 14 máis relevantes, a inmensa maioría viviu cando menos un feche ou interrupción do tráfico nas últimas dúas décadas.

Chatham House alerta que, perante esta situación, Asia Occidental e África do Norte "é a rexión do mundo que máis depende das importacións de alimentos", até un terzo das súas importacións de cereais pasa por un pescozo de botella para o que non existe unha ruta alternativa. A súa alimentación depende das exportacións de cereais por medio dos ferrocarrís e portos rusos e ucraínos, que logo teñen que pasar polos estreitos de Turquía.

Comentarios