Colombia sofre outra xornada de protesta con mortos na rúa

As protestas no país desatáronse despois da morte de Javier Ordóñez, un avogado de 43 anos, baixo custodia policial.
EuropaPress_3308119_09_september_2020_colombia_bogota_demonstrators_beat_the_shields_of_police (1)
photo_camera Enfrontamentos entre manifestantes e Policía na capital Bogotá (Sergio Acero / colprensa)

Dez persoas morreron e outras 403 resultaron feridas, entre estas 194 axentes da Policía, despois dos violentos disturbios en Bogotá e noutros lugares de Colombia pola morte de Javier Ordoñez, segundo informou o ministro de Defensa, Carlos Holmes Trujillo, nunha mensaxe de vídeo difundida onte.

Segundo o responsábel gobernamental ─que está a actuar como portavoz do Executivo sen que o presidente, Iván Duque, aínda comparecese até o momento─ durante as protestas, que comezaron na noite da cuarta feira (quinta feira en Europa), 60 instalacións policiais resultaron danadas. Tamén sufriron estragos 91 vehículos, incluídos 77 autobuses de transporte público, así como cinco bancos e tres estabelecementos comerciais.

Un total de 90 persoas foron detidas en relación coas protestas, das que 11 son menores de idade, informou, e engadiu que serán acusadas de dano contra a propiedade pública e violencia contra os servizos públicos.

A alcaldesa de Bogotá, Claudia López, desbotou decretar a aplicación dun toque de queda na capital, mais pediu aos cidadáns a través de Twitter que estean nas súas casas antes das 19 horas para "evitar tensións, provocacións e posíbeis problemas de mobilidade".

Pistolas Taser

As protestas no país desatáronse despois da morte de Javier Ordóñez, un avogado de 43 anos. Foi detido e no vídeo que circulou nas redes sociais vese dous axentes que o dobregan no chan usando repetidas veces pistolas de electrochoques, máis coñecidas como Taser, mentres que a Ordóñez se lle escoitaba suplicar "por favor". O avogado faleceu posteriormente nunha clínica da capital.

A Policía de Bogotá lamentou os feitos, apartou os dous axentes involucrados ─cuxa identidade non foi revelada─ e anunciou unha investigación. Ao respecto, o ministro Holmes Trujillo declarou que desde o Goberno se estaba a brindar toda a cooperación posíbel "para asegurar que a investigación sobre a morte de Javier Ordóñez avance rapidamente". 

Ademais, na súa comparecencia de onte asegurou que a situación en Colombia "até agora está controlada pola Policía Nacional e as Forzas Armadas", e reiterou que se tomaran todas as medidas necesarias para garantir a estabilidade do país".

Comentarios