Folga xeral

Colombia contáxiase do malestar chileno

Sindicatos, estudantado e grupos indíxenas lideraron esta quinta feira, 21 de novembro, un paro nacional contra o presidente do país, Iván Duque, acurralado pola situación económica do país.

EuropaPress_2503968_21_November_2019_Colombia_Bogota_People_march_during_a_demonstration_against_the_government_of_Colombian_President_Ivan_Duque_Marquez_Photo_Camila_Díaz_colprensa_dpa%0dONLY_FOR_USE_IN_SPAIN
photo_camera Marcha cidadá por unha das principais vías de Bogotá [Europa Press]

Colombia viveu esta quinta feira, 21 de novembro, unha das maiores protestas de sempre. Sindicatos, estudantado e grupos indíxenas lideraron unha folga xeral a nivel nacional contra o presidente do país, Iván Duque, en cotas baixas de popularidade.

A organización inicialmente convocou o paro como unha medida de presión ao Goberno, o que acusan de estar preparando a posta en marcha dunha serie de reformas das leis laborais e das pensións. Porén, a mobilización tornouse nun rexeitamento xeral á súa Administración, con participación de diversos colectivos de traballadoras e traballadores. 

Un sentimento antigobernamental similar ao que se produciu no Ecuador contra Lenín Moreno -iniciado por unha suba dos combustíbeis- ou ao que se mantén en Chile contra Sebastián Piñera e que se orixinou tamén por un incremento nun ben de consumo, neste caso na tarifa do billete de metro da capital Santiago.

No caso de Colombia, as protestas céntranse nunha serie de problemas que asolan o país. Por exemplo, a falta de investimento na educación, a corrupción nas institucións públicas e os asasinatos sen esclarecer de varios líderes sociais e indíxenas.

Pola súa banda, Iván Duque nega que haxa intención de realizar estas reformas, e afrontou o paro tomando a decisión de pechar as fronteiras. Ademais, deu carta branca ás autoridades locais para que puidesen adoptar medidas como o toque de queda ou a solicitude de apoio militar. 

Preocupación pola represión

A Oficina en Colombia da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos expresou a súa preocupación por estes decretos gobernamentais.

Ademais, tamén chamou a atención polas mensaxes nas redes sociais incinindo a se enfrontar contra os manifestantes: «Nalgúns casos fixéronse públicos vídeos que indican que se estarían conformando grupos de cidadáns que ameazan con exercer a violencia para protexer os seus bens».

 A mañá en Bogotá, a capital do país, comezou co bloqueo do transporte público mediante a colocación de barricadas e co Escuadrón Móbil Antidisturbios (ESMAD), mobilizado a petición do alcalde en funcións, retirándoas e disparando botes de gas contra unha das marchas cidadás.

Duque e a economía, na picota

O Executivo colombiano pasa na actualidade por unha importante crise de gobernabilidade. A recente dimisión do ministro de Defensa, Guillermo Botero, polo escándalo da ocultación da morte de oito menores nos bombardeos contra unha facción das FARC que retomou as armas foi o último dos golpes no seu proceso de debilitación

EuropaPress_1958198_February_25_2019_-_Bogota_Colombia_Vice_President_Mike_Pence_Venezuela's_self-proclaimed_interim_president_Juan_Guaido_and_President_Iván_Duque_Márquez_of_Colombia_Pence_is_attending_a_meeting_with

Pouco antes produciuse a derrota parcial nas eleccións rexionais do 27 de outubro, nas que, por exemplo, o uribista Enrique Peñalosa perdeu a alcaldía de Bogotá ante Claudia López, da Alianza Verde. 

O paro de desta quinta feira podería supor o KO definitivo do presidente Iván Duque, nun contexto de crecente malestar social, coa taxa de desemprego por riba de 10% en agosto; cunha suba no último ano da porcentaxe de pobreza extrema até se situar en 27% da poboación, e coa desigualdade económica que non deixa de medrar. 

Ademais, elevouse a 3,26% a inflación acumulada en 2019 (até setembro), chegando ao dobre no que se refire á cesta da compra. Tamén se incrementaron a débeda externa e o déficit da balanza comercial, ao tempo que o crecemento do PIB se estancou.

Comentarios