Colombia e o Brasil dan sostén á campaña dos EUA contra Venezuela e a China

A presión sobre o Goberno de Maduro incrementouse desde a chegada de Trump á Casa Branca en 2016. Duque, na presidencia de Colombia desde 2018, e Bolsonaro, na do Brasil desde 2019, son os seus principais aliados nesta estratexia. Tamén, a crecente influencia chinesa na rexión preocupa cada vez máis en Washington.
EuropaPress_3328615_secretario_estado_norteamericano_mike_pompeo_presidente_colombia_ivan_duque (1)
photo_camera O presidente colombiano, Iván Duque, recibe a Pompeo en Bogotá (Presidencia de Colompia / Europa Press)

Mike Pompeo, secretario de Estado dos EUA, o cargo de maior rango no Goberno do país norteamericano despois do presidente, finalizou onte unha visita oficial de cinco días a Sudamérica para, segundo palabras de The Wall Street Journal, "mostrar o seu apoio ás democracias da rexión".

A tournée do máximo responsábel das relacións internacionais estadounidenses incluíu catro países: Surinam, Güiana, Colombia e Brasil. Os dous primeiros son os únicos da parte continental da rexión de lingua non latina; os dous segundos son os dous principais aliados de Washington no continente; o último é a maior potencia económica de toda América Latina e ten na China o seu maior socio comercial.

Güiana, Colombia e Brasil son, ademais, os tres países con quen Venezuela ─o arquiinimigo dos EUA nesta parte do mundo─ comparte fronteiras. A visita de Pompeo, polo tanto, enmárcase dentro da campaña de incremento da presión sobre o Goberno de Nicolás Maduro cando ─no medio da pandemia, arrastrando fondos problemas económicos e a menos de tres meses das eleccións lexislativas─ máis debilitado está.

Un lustro de presión

O conflito entre Washington e Caracas subiu de nivel en febreiro de 2014, cando as rúas do país foron escenario de violentas protestas pola vitoria de Nicolás Maduro nas eleccións presidenciais. O 18 de febreiro, o líder opositor Leopoldo López ─acusado de as promover─ entregouse á policía, e un día despois era arrestado o alcalde de Caracas, Antonio Ledezma, pola súa suposta participación nun plan para derrocar o Goberno.

O 9 de marzo, o presidente estadounidense, Barack Obama, asinaba unha orde executiva declarando unha "emerxencia nacional" no país pola ameaza "inusual e extraordinaria" á seguridade nacional que representaba Venezuela. Segundo relataba na altura á BBC unha fonte do Departamento do Tesouro, a declaración viña provocada pola "ameaza á saúde do sistema financeiro estadounidense".

Porén, Venezuela recibiu o apoio de case a totalidade dos países da rexión a través de organismos multilaterais como o ALBA ou Unasur. Isto, segundo explicaba Sputnik, levou a unha matización por parte dos EUA, antes da Cimeira das Américas en Panamá. Obama recoñeceu que Venezuela non era unha ameaza e atribuíu á "linguaxe estándar" a dureza das palabras da orde executiva.

 Porén, a presión mantívose, aproveitando ademais o desabastecemento de produtos básicos e os graves problemas económicos en Venezuela. A redistribución da riqueza durante os Gobernos de Hugo Chávez non puido ter continuidade na época de Maduro pola caída do prezo do petróleo e as carencias no desenvolvemento e diversificación da economía. Coa aterraxe de Donald Trump na Casa Branca chegaron ademais as sancións e o bloqueo económico. 

Nesta guerra ten no presidente colombiano, Iván Duque, un firme aliado. "A comunidade internacional ten que actuar para parar o desangre en Venezuela", pediu a Pompeo o sábado. "A cabeza da ditadura é en si mesma un criminal de lesa humanidade", engadiu.

Pompeo pola súa banda agradeceu a Duque o apoio ao líder opositor Juan Guaidó e lembrou que Maduro ten unha orde de detención nos EUA por delitos de narcotráfico. Os Exércitos de ambos os dous países realizaron manobras conxuntas coincidindo coa reunión, un mes despois de Duque anunciar a posta en marcha dun "novo Plan Colombia" para "combater as organizacións criminais", especialmente o narcotráfico, lembrando así a iniciativa lanzada a finais da década de 1990 polos Gobernos de Andrés Pastrana e Bill Clinton, que serviu para combater as FARC e que deu lugar a numerosos abusos dos dereitos humanos. 

'Ruta da seda' americana

Mais a viaxe a Colombia de Pompeo tamén tiña un interese exclusivamente económico: contrarrestar ─como acontece en Oriente Próximo ou en África─ a crecente influencia da China en América Latina. Por exemplo, tal e como apunta Global Times, unha compañía chinesa fechou un importante acordo para o desenvolvemento do metro en Bogotá. 

Para Jiang Shixue, director do Centro de Estudos para América Latina da Universidade de Shanghai, o atraso no desenvolvemento das infraestruturas na rexión está causado pola falla de investimentos, situación que o Goberno chinés quere aproveitar para estreitar relacións. 

Os analistas do país asiático cren que os EUA buscan contrarrestar a presenza da China promovendo un proxecto similar nas Américas ao das "Novas Rutas da Seda" chinés en Eurasia. Segundo Reuters, Washington aprobou xa no que vai de 2020 un total de 800 millóns de dólares en fondos para proxectos en América Latina.

Comentarios