3 de abril en Compostela

Colectivos galegos organizan acto contra a celebración de Eurovisión en Israel

A celebración de Eurovisión en Israel, programada para maio, está a erguer unha vaga global de indignación. Colectivos de todo o mundo entenden o evento como un xeito de apoiar as políticas colonias israelís en Palestina. Galiza non fica á marxe deste movemento e o vindeiro 3 de abril, en Compostela, organiza o seu acto de rexeitamento.
 

palestina
photo_camera Protestas en Palestina contra a ocupación israelí. Foto: cedida.

Baixo a palabra de orde Eurovisión. Artwashing Apartheid [A arte lava o apartheid], limpeza étnica e xenocidio, o apartado galego de BDS (Boicot, Desivestimentos e Sancións] e a ONG Pallasos en Rebeldía convocan un serán de concertos, clown e intervencións o 3 de abril a partir das 20.30 horas no Teatro Principal da capital.

Presentado pola actriz Isabel Risco e polo músico e escritor Xurxo Souto, no acto participarán músicas como Mónica de Nut, Jásper Nao, Somdolilá ou Alba María e Queco Díaz. Haberá performance da man de Zeltia Irevire e Neves Seara. O Mago Teto fará maxia. Jano Costas, Check Point Clown e Culturactiva Producións oferecrán espectáculos entre o pallaso e o circo. E proxectarase o documental Gaza.

A entrada do Artwashing Apartheid é de balde. No mesmo colaboran, amais das entidades organizadoras, a Fundación Araguaney e o Concello de Compostela.

Comentarios