Colapsada a rota dos Balcáns mentres a UE tenta frear a entrada de refuxiad@s por Turquía

ACNUR alerta das condicións nas que se atopan 10 mil persoas atrapadas en Serbia. Ankara negocia coa UE actuar como tapón.

ACNUR_Hungria
photo_camera Imaxe de arquivo da fronteira de Hungria [ACNUR]

Chega o mal tempo e a situación que atinxe milleiros de persoas refuxiadas que tentan chegar á UE empeora. Segundo denunciou na xornada de onte o voceiro do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), Melita Sunjic, arestora por volta de 10 mil persoas atoparíanse  atrapadas en Serbia. 

"É como un grande río de xente e, se se detén o caudal, haberá inundacións por outra parte", sinalou Melita Sunjic. O responsábel de ACNUR referíase nestes termos á imposibilidade das persoas refuxidas --procedentes maioritariamente de Siria, Iraq e Afganistán-- para cruzar através da denominada rota dos Balcáns após o encerramento das fronteiras húngaras. 

Neste senso, embora moitas persoas estaren a procurar unha vía através de Croacia --axudadas polo propio goberno-- non todas o conseguen. Croacia recibe por volta de 6 mil refuxiad@s ao día e está a deslocalas cara á fronteira cara á Esloveinia para continuaren camiño até Austria e Alemaña. Porén, o executivo austríaco advertiu xa que está a exceder a súa capacidade de acolla e exixiu respecto para os acordos adoptados no seo da UE a respeito do asilo. 

Entrementres, milleiros de persoas dormen ao raso entre a lama e a choiva no paso fronteirizo de Trnovec-Sredisce ob Dravi. "Falta comida, faltan mantas, están sen nada", denunciou o portavoz de ACNUR desde a fronteira entre Serbia e Croacia. 

"Falta comida, faltan mantas, están sen nada", Melita Sunjic, portavoz de ACNUR

Merkel visita Turquia 

Así as cousas, a Unión Europea priorizou a búsqueda dun tapón que free o acceso d@s refuxiad@s. Neste senso, a chanceler alemá, Angela Merkel, visitou nos últimos días o presidente turco, Recep Tayip Erdogan para analizar posíbeis medidas de contención e vixianza fronteiriza. E é que as persoas deslocadas forzosamente polos conflitos que atinxen os seus lugares de orixe, arriban a Turquía através de embarcacións que cruzan o Mediterráneo para se desprazaren desde Grecia cara aos Balcáns. 

Alemaña é o obxectivo de destino e a tensión racista aumenta día a día. Neste senso, mesmo a responsábel para @s refuxiad@s de Colonia --eleita posteriormente alcaldesa-- foi apuñalada. O seu agresor foi un militante neonazi o que fai temer polo repunte xenófobo no país. 

Porén, desde Ankara reclaman contraprestacións á contención de refuxiad@s. Para comezar, un pulo á súa adhesión á UE que Merkel dixo estar en disposición de negociar e unha axuda financeira de 3 mil millóns de euros adicionais para adoptar estas medidas. 

Comentarios