O Daesh torpedea o acordo Ankara-Moscova

Un coche bomba nun territorio controlado polo Goberno Assad mata 11 persoas e fere 35

Todo aponta a que se trata dunha acción do Daesh, organización terrorista que non se sente vinculada polo cesar-fogo pactado entre Ankara e Moscova.

blast
photo_camera A zona cero do atentado

A guerra en Siria está moi lonxe de chegar ao seu epílogo. Esta sexta feira, a detonación dun coche bomba nas inmediacións dun estadio de fútebol na cidade de Jableh matou no mínimo 11 persoas e feriu outras 35. O balanzo de vítimas estímase que irá en aumento conforme pasen as horas.

Jableh é un enclave de maioría alauita, o grupo relixioso de tendencia chiíta ao que pertence a familia de Bashar al Assad. Está sob control do goberno sirio.

No mes de maio, Jableh e Tartus, ben como outras localidades de Latakia -un dos 14 departamentos en que se divide a República Árabe Siria, situado á beira do Mediterráneo- sofreron unha intensa vaga de atentados, perpetrados na súa maioría polo Daesh, cun balanzo de no mínimo 150 vítimas mortais.

O ataque mostra que a paz en Siria é unha quimera mentres o Exército Islámico manteña capacidade militar para facer dano nas zonas sob control do goberno. A chave está agora en ver como se van mover sobre o cenario bélico Turquía e Estados Unidos, actores que durante distintos momentos do conflito, e con distinto grao de intensidade, teñen sido aliados da organización jihadista, segundo teñen denunciado meios con presenza sobre o terreno ou Wikileaks.

Comentarios