O 'club nuclear' prorroga a exclusividade

A revisión do Tratado de Non Proliferación segue no aire "pola Covid".
EuropaPress_2082467_22_april_2019_georgia_hamburg_people_march_with_banner_bearing_the_image_of
photo_camera "Nunca Máis", nunha marcha en Hamburgo contra as armas nucleares, que tamén posúen India, Paquistán e Israel de forma "non oficial" (Foto: Markus Scholz / dpa)

Para o secretario xeral da ONU foi unha combinación de sorte e sentidiño o feito de non se volver usar armamento nuclear no mundo desde que EUA arrasou as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki en 1945. "Mais con máis de 13.000 armas nucleares almacenadas por todo o mundo, canto pode durar a nosa sorte?", cuestionábase António Guterres, que nunha tribuna aberta publicada en decembro con ocasión da conferencia de actualización do Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares (1970) comparaba o arsenal nuclear mundial cunha espada de Damocles sobre a humanidade. Esa conferencia estaba convocada para onte, mais foi finalmente suspendida co argumento da pandemia.

Tamén nas últimas horas se produciron outros dous eventos de suma importancia para a seguridade dos case 8.000 millóns de habitantes do Planeta, relacionados coa capacidade aniquiladora do armamento nuclear. As cinco potencias que oficialmente contan con el ─China, Estados Unidos, Francia, Reino Unido e Rusia─ emitiron un inusitado comunicado conxunto deixando por escrito o obvio: "unha guerra nuclear non pode ser gañada".

As cinco, membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU, asumen como "principais responsabilidades" evitar esa contenda, "reducir riscos estratéxicos" e traballar con todos os países para "crear un ambiente de seguridade". 

"Tamén afirmamos que as armas nucleares ─en tanto que continúen a existir─ deberían servir para finalidades defensivas, disuadir agresións e previr a guerra", engaden no texto publicado nas webs do Kremlin e da Casa Branca. Unha máxima que resume a teoría da disuasión ("se teño armas nucleares, non serei atacado") e que reafirma a idea de que un mundo sen este tipo de armamento é unha utopía. 

"Abandonar a nosa capacidade disuasoria sen ningunha garantía de que outros farán o mesmo é unha opción perigosa", afirmaba xa Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN, tras ser ratificado o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares en outubro de 2020.

China

O Goberno da China, a través do viceministro de Exteriores, Ma Zhaoxu, considerou que o comunicado axudarña a incrementar a confianza mutua e "a mudar competición por coordinación e cooperación", segundo recolleu Xinhua. En calquera caso, o director do departamento de control de armas chinés, Fu Cong, asegurou onte que o proceso de modernización do seu arsenal continuará.

O control de armas "que reduza os perigos do moderno e crecente arsenal nuclear da China" ─en palabras do secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, tras se anunciar en febreiro pasado a prórroga do Tratado de Redución de Armas Estratéxicas (Start) entre Rusia e os EUA─ é unha das fixacións do Goberno Biden. Mais Fu insistiu en que son outros países os que deben dar o primeiro paso, lembrando que "EUA e Rusia posúen 90% das cabezas nucleares do mundo". En calquera caso, a tendencia non apunta a un desarme global, senón a que Beijing busca equilibrar a balanza inclinada cara a Washington e Moscova.

Irán

E o comunicado conxunto, emitido xusto cando se retoman as conversas en Viena para rescatar o acordo de 2015 sobre o programa nuclear iraniano, deixa claro que os socios do club nuclear pretenden que siga a ser exclusivo. Que non haxa novas adhesións, deixando a espada de Damocles en cinco privilexiadas mans. Por agora, envaiñada. 

Reino Unido carrexou 31 armas nucleares á guerra das Malvinas

O Reino Unido despregou 31 armas nucleares durante a guerra contra a Arxentina polo control das Illas Malvinas en 1982, segundo un documento gobernamental desclasificado ao que tivo acceso a web de xornalismo de investigación Declassified UK. O Ministerio de Defensa británico xa admitira en 2003 que a súa flota no Atlántico Sur levaba armamento nuclear; agora coñécese exactamente o seu número. Esta segunda feira fixéronse 189 anos da ocupación das Malvinas polo Reino Unido.

Comentarios