As claves da vitoria laborista en Reino Unido: a dispersión das dereitas outorga a maioría absoluta a Keir Starmer

A suba do Partido Laborista foi escasa en porcentaxe de votos. Porén, a dispersión de sufraxios entre as opcións da dereita, unida a un sistema electoral maioritario a unha soa volta, outorgou á formación unha contundente maioría absoluta no Reino Unido. A fuxida de votos conservadores a Reform UK e ao Partido Liberal Demócrata deixa a maioría absoluta en mans de Keir Starmer.
O Partido Laborista terá unha ampla maioría absoluta coa nova composición da Cámara dos Comúns (Gráfica: Nós Diario).
photo_camera O Partido Laborista terá unha ampla maioría absoluta coa nova composición da Cámara dos Comúns (Gráfica: Nós Diario).

De forma paradoxal, foron os votos á forza de extrema dereita Reform UK e ao Partido Liberal Demócrata os que decantaron as eleccións do Reino Unido de cara a unha maioría absoluta dun Partido Laborista que tan só avanzou esta quinta feira 1,7 puntos con respecto aos comicios do ano 2019. 

Desta maneira, a pesar deste escaso ascenso no número de sufraxios totais, os laboristas liderados por Keir Starmer pasaron de 202 a 412 actas na Cámara dos Comúns, o órgano lexislativo do Reino Unido.

Segundo explica a Nós Diario o experto en Sistemas Políticos Santiago Míguez, isto débese a que "o británico é un sistema electoral maioritario a unha soa volta chamado 'The first past the post', polo que se alguén consegue un voto máis que os rivais en cada distrito uninominal queda coa acta desa circunscrición".

"Este sistema electoral crea maiorías enormes de forma artificial", sinala. "Os apoios aos liberais e aos ultraconservadores deron a vitoria ao centro esquerda. Estas forzas 'roubaron' do Partido Conservador, que foi o que decantou a maioría absoluta do Partido Laborista", destaca.

"Hai tamén factores de corte político que influíron nestes comicios. O Partido Conservador está moi dividido e había xente nas súas propias filas que desexaba que Rishi Sunak perdese as eleccións. Ademais, o Partido Laborista reorganizouse nos últimos anos e presentou unha mensaxe moi moderada. A isto hai que engadir que o descenso do nacionalismo escocés facilitou recoller escanos ao laborismo nunha Escocia con tradición de esquerdas", conclúe Míguez.

Reparto de actas

Así, o Partido Laborista conseguiu vencer as súas primeiras eleccións en 19 anos desde que en 2005 obtivera a maioría absoluta Tony Blair, pois nos catro comicios posteriores, entre 2010 e 2019, a vitoria fora para o Partido Conservador. En consecuencia, os laboristas obtiveron 412 actas con 34% dos sufraxios, case o triplo dos escanos do Partido Conservador (121 e 24%).

O sistema electoral provocou tamén que o ultradereitista Reform UK, sendo a terceira forza en votos (14,3%), lograra unicamente cinco actas, mentres o Partido Liberal Demócrata, cuarto en sufraxios (12,2%), experimentou unha importante repunta na súa representación, pasando de 11 a 71 escanos.

Noite histórica do Sinn Féin

O nacionalismo retrocedeu de forma considerábel en Escocia, onde o Partido Nacional Escocés (SNP) caeu 1,3 puntos, rexistrando 2,35% dos sufraxios, e obtendo só nove deputados e deputadas, a quinta parte das que sumara en 2019 (48). A poboación escocesa outorgou 38 escanos aos laboristas, mentres que deu cinco actas aos liberais e catro aos conservadores.

Por contra, o Sinn Féin logrou ser por primeira vez a principal forza de Irlanda do Norte no Parlamento do Reino Unido tornándose na opción máis votada e con maior representación, con 0,7% dos apoios e sete actas. Desta maneira, o nacionalismo impúxose ao Partido Unionista Democrático, que obtivo 0,6% dos sufraxios e cinco escanos.

Noite doce tamén para o nacionalismo en Gales, pois o Plaid Cymru obtivo 0,7% dos votos, o que provocou que dobrase as súas actas de dous a catro. Pola súa parte, o Partido Verde subiu catro puntos, alcanzando 6,8% dos votos e sumando catro actas.

O nacionalismo galés conseguiu dobrar a súa representación

Unha das notas destacadas da xornada foi a vitoria do ex líder laborista Jeremy Corbyn, elixido deputado pola circunscrición de Islington Norte despois de presentarse como independente ás eleccións lexislativas, polo que manterá o escano que ostenta desde hai máis de catro décadas. Corbyn impúxose claramente ante o candidato do Partido Laborista (do que el foi apartado), Praful Nargund, quen ficou en segunda posición no distrito.

Ademais, unha das repercusións que deixa a xornada electoral é a dimisión do até o de agora primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, como líder do Partido Conservador. "Escoitei a vosa rabia e a vosa decepción, e asumo a responsabilidade por esta derrota", dixo Sunak desde a que era a súa residencia oficial.

O futuro pasa por Starmer

Tras estes resultados, o futuro do Goberno do Reino Unido pasa polo líder laborista Keir Starmer. "Conseguímolo", celebrou ante a súa militancia. "E senta ben, sendo sincero", recoñeceu, antes de advertir de que "un mandato como este implica unha gran responsabilidade" e de indicar que o seu futuro Goberno ten que "devolver a política á normalidade" despois dunha convulsa lexislatura con tres liderados (Boris Johnson, Liz Truss e Rishi Sunak) no Executivo do Partido Conservador.

O rei Charles III oficializou esta sexta feira a nova posición de Starmer como primeiro ministro tras unha reunión no Palacio de Buckingham, quen agora se instalará no número 10 de Downing Street, a residencia oficial do líder do Executivo do Reino Unido. Entre as súas primeiras tarefas está a configuración do seu novo Gabinete, onde incorporará a parte dos e das laboristas que obtiveron escano nas eleccións decorridas esta quinta feira.

Independentes como Corbyn gañan bastións do Partido laborista

Outro aspecto que terá que atender Starmer é a perda de bastións fronte a candidatos independentes que, como Jeremy Corbyn, defenden os dereitos do pobo palestino fronte ao xenocidio perpetrado por Israel e que apostan claramente por políticas de esquerda. Unhas posicións que despoxaron Corbyn do liderado do Partido Demócrata tras ser acusado de antisemitismo.

O novo primeiro ministro comeza o nomeamento de cargos no Goberno

Os primeiros nomeamentos do Executivo de Keir Starmer no se fixeron esperar. O flamante primeiro ministro do Reino Unido elixiu como viceprimeira ministra a actual 'número dous' do Partido Laborista, Angela Rayner, a primeira en desfilar por Downing Street tras a mudanza de Goberno.

Rayner tamén asumirá outras carteiras como a de Vivenda, unha tarefa que xa viña ostentando no labor de oposición [no coñecido como Goberno na sombra da tradición política británica, na que representantes da oposición fan seguimento a cada un dos ministerios].

O novo primeiro ministro tamén anunciou o nomeamento de Rachel Reeves como ministra de Finanzas, un posto que até o de agora nunca ocupara unha muller. "É o honor da miña vida", salientou, para despois marcarse como "misión nacional" lograr unha senda de crecemento económico nos próximos anos.

Interior caeu nas mans de Yvette Cooper, unha veterana dirixente laborista que xa formou parte do Goberno de Gordon Brown (2007-2010). Tamén entra no Executivo Ed Miliband, antigo líder da formación, no seu caso á fronte de Enerxía. Pola súa parte, o Ministerio de Exteriores será responsabilidade de David Lammy, mentres que o de Defensa recaerá sobre John Healey, dúas figuras que tamén tiveron postos nas últimas Administracións do Partido Laborista. A listaxe inclúe os nomes de Shabana Mahmood (Xustiza), Wes Streeting (Sanidade) e Bridget Philipson (Educación). Trátase das primeiras integrantes dunha nova Administración que rematará de definirse nas próximas xornadas.

Comentarios