Ciudadanos tiña a soldo un membro da Xunta Electoral Central

Andrés Betancor, asesor de Ciudadanos, asinou a orde contra Quim Torra da que derivou a súa inhabilitación como president.
Andrés Betancor, primeiro pola dereita nunha reunión de Cs (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Andrés Betancor, primeiro pola dereita nunha reunión de Cs (Imaxe: Europa Press)

Ciudadanos remunerou mensualmente o membro da Xunta Electoral Central (XEC) Andrés Betancor ao mesmo tempo que este participaba no seo da XEC na toma de decisións sobre cuestións de relevancia para Catalunya, tales como as resolucións para excluír a candidatura de Carles Puigdemont aos comicios europeos de 2019.

Tamén participou Betancor na decisión da XEC de denegar as candidaturas de Toni Comín e Clara Ponsatí, ex consellers encausados polo Tribunal Supremo español debido ao seu papel no desenvolvemento do referendo de autodeterminación de 1 de outubro. 

Betancor é catedrático de Dereito Administrativo na universidade catalá Pompeu Fabra e entrou na XEC en outubro de 2017, sendo ao mesmo tempo asesor de Ciudadanos. Daquela contaba ademais cun despacho nas oficinas do Congreso dos Deputados.

Betancor non dixo ren da súa vinculación con Cs cando compareceu na comisión de nomeamentos que lle permitiu acceder á XEC, segundo recolle o dixital catalán El Nacional. 

Betancor asinou a orde da XEC que en marzo de 2019 reclamaba a Quim Torra retirar os lazos amarelos dos edificios oficiais. Esa é a orixe da inhabilitación de Torra como president pola XEC, ao terse negado a retirar eses lazos da fachada da Generalitat. 
O mandatario catalán xa anunciou  que presentará unha querela por suborno, prevaricación e/ou delito electoral contra Andrés Betancor.

A querela tamén se dirixe  contra "todas aquelas persoas que sexan responsábeis deste escándalo que pon en dúbida todas as decisións tomadas pola XEC nos últimos anos", explicou  Torra.

A líder de  Cs en Catalunya, Lorena  Roldán, asegurou descoñecer se Betancor ocupaba o cargo ao mesmo tempo que cobraba como asesor de Cs, e dixo que de ser así, "non sería ilegal".

O reitor da Pompeu Fabra anunciou que investigarán o caso e considerou  "eticamente reprobábel" a actuación de Betancor.

Comentarios