Ciudadanos presenta o seu programa de Goberno en Catalunya nunha fracasada moción de censura

Ciudadanos presenta o seu programa de Goberno en Catalunya nunha fracasada moción de censura. 

Roldán_Cs_Parlament - Copia
photo_camera [Foto: Parlament de Catalunya] Lorena Roldán, Ciudadanos

O Parlament de Catalunya acolle esta segunda feira 7 de outubro un Pleno Extraordinario para debater a moción de censura de Ciudadanos (Cs) ao president da Generalitat Quim Torra. A iniciativa non ten opción de prosperar após todas as formacións políticas con representación na cámara, agás o PP, rexeitaron apoiala.

A primeira intervención no Pleno foi a cargo do deputado de Cs Carlos Carrizosa, que xustificou a presentación da moción polo apoio de Torra aos membros dos CDR no Parlament e “chamar á desobediencia”. Aproveitou tamén para interpelar en varias ocasións o PSC por non dar apoio a esta moción de censura.

O Govern decidiu participar neste Pleno cun perfil baixo, polo que Quim Torra non interveu e no seu lugar falou a súa portavoz Meritxell Budó. Na súa resposta a Carrizosa Budó denunciou que Cs “fai un uso interesado e fraudulento” do Parlament e dos “recursos públicos que se dedicaron para a celebración deste Pleno Extraordinario”.

As propostas de Cs para o seu Govern

 A candidata da formación laranxa, Lorena Roldán, foi a encargada de presentar a súa proposta de programa de Goberno alternativo ao do actual president da Generalitat. Nada novo con respecto ás ideas expresadas en múltiples ocasións polo seu partido. Roldán acusou Torra de “apropiarse das institucións públicas”, entre elas TV3, e como primeira medida propón “acabar co procés”.

As dez medidas do programa Cs inciden en acusacións ao Govern de Torra. Acúsao de “apropiarse das institucións públicas”, entre elas TV3. Para “loitar contra a inseguridade cidadá”, outro do temas estrela, a idea da formación laranxa é enviar a Catalunya máis efectivos da Policia Nacional e a Garda Civil.

En materia de transportes Cs exixe “a finalización progresiva das autoestradas de peaxe” e en relación á sanidade afirma que traballaría pola “sanidade pública e de calidade”.   

Moción fracasada

A moción de censura que presenta Cs non ten posibilidade de saír adiante. Para facelo debería contar cunha maioría absoluta que no Parlament de Catalunya é de 68 deputadas e deputados. A formación laranxa ten 36 escanos e conseguiu o único apoio do Partido Popular de Catalunya (PPC) que conta con 4. O PSC anunciou a súa abstención e o resto da cámara o seu voto en contra.  

Comentarios