Os talibán cítanse en Kabul para o 20º aniversario do 11-S

Un billón de dólares e dúas decadas de guerra despois, o Exército dos Estados Unidos abandonará Afganistán o próximo 31 de agosto. En decembro de 2019, o 'Washington Post' publicaba uns documentos oficiais que probaban que a Casa Branca levaba desde 2001 mentindo e que "non sabía o que facía". Agora, é tempo de colleita.
herat_afganistan_onu
photo_camera Unha familia atravesa unha rúa de Herat, terceira cidade afgá, capturada nas últimas horas polos talibán (Foto: Fraidoon Poya / ONU)

Kandahar, a segunda maior cidade do Afganistán, foi a última en caer baixo o control dos talibán, segundo informaron esta sexta feira, 13 de agosto, axencias de noticias e medios internacionais sobre o terreo. É a 12ª capital de provincia que conquista o grupo insurxente en tan só unha semana; localidade esta, ademais, que ten un significado estratéxico e simbólico moi importante: é o lugar onde naceu o movemento talibán.

Na década de 1990 foi a primeira cidade da que se apoderaron antes de avanzar cara á capital afgá, Kabul, derrocar o Goberno e declarar un Estado islámico. Alí gobernaron con man de ferro desde 1996 até 2001, impondo a súa interpretación da sharia, o corpo lexislativo que vai alén das normas xurídicas e regula cuestións referentes á moral.

Durante ese lustro de Goberno talibán, por exemplo, as mulleres tiñan prohibido ter un emprego, ir á escola ou saíren da casa sen a compañía dun varón da familia. Sempre tapadas co burka. Os homes debían levar barba dunha determinada lonxitude e vestir capa e turbante. A música estaba prohibida. Os castigos polos incumprimentos das normas incluían desde lategazos públicos até execucións.

Do soño ao pesadelo

Mulleres afgás en cargos de responsabilidade, profesionais en todo tipo de sectores, manifestaban nas últimas horas a través das redes sociais a súa gran preocupación polo que está por chegar. "Hoxe todo mudou. A miña familia discute sobre que empaquetar, que vender, que deixar atrás, e que rutas tomar para saír de Kabul", relataba en Twitter Sara Wahedi, unha moza directiva dunha startup tecnolóxica con sede na capital.

Muska Dastageer, profesora universitaria tamén en Kabul, escribía: "Este momento semella o final. Decenas de millóns de nós nunca nos recuperaremos. Había fe no futuro, no progreso, nun mañá mellor. E todo iso está a ser esmagado agora mesmo".

E Pashtana Durrani, a directora executiva de Learn, unha ONG dedicada a fomentar a educación entre as nenas, explicaba en directo desde Kandahar nunha entrevista na TV inglesa Channel 4 que a poboación civil ─homes, mulleres e crianzas─ estaba a buscar refuxio en parques e tendas de Kabul e Kandahar ante o avance dos talibán. 

"Significa perder todo polo que a miña familia, polo que cada rapariga, cada persoa, traballou durante os últimos 20 anos. Significa perder a túa casa, os teus soños, as túas metas, as túas arelas. A túa identidade como afgá. Todo", afirmaba Durrani, e criticaba que as elites do país estivesen a negociar unha saída  para eles, deixando detrás o pobo afgán á mercé dos talibán.

Papeis do Pentágono 2.0

Os ataques con avións comerciais contra obxectivos civís e militares estadounidenses do 11 de setembro de 2001 levaron a unha intervención armada do Exército do país norteamericano no Afganistán. O Goberno do entón presidente, George W. Bush, culpou a Osama bin Laden e a súa organización, Al Qaeda, de seren os artífices deses ataques; e os talibán, de lles dar acubillo.

"Gastamos máis dun billón de dólares en 20 anos. Adestramos e subministramos equipamento moderno a máis de 300.000 efectivos afgáns... Teñen que pelexar por eles mesmos", declaraba na pasada terza feira o actual presidente estadounidense, Joe Biden, que se mantiña firme na decisión de que todas as tropas abandonasen o país antes do 31 de agosto. "Non me arrepinto da miña decisión", afirmaba.

Os seus tres antecesores durante este período bélico, Bush, Barack Obama (con que foi vicepresidente os seus oito anos) e Donald Trump mantiveron as tropas despregadas no Afganistán sen unha folla de ruta clara. Máis ben, todo o contrario. En decembro de 2019, The Wahington Post publicaba varias entrevistas a militares con responsabilidade na guerra afgá realizadas pola Administración estadounidense. 

Se os "Papeis do Pentágono", publicados primeiro polo New York Times en 1971, revelaron que o Goberno de Lyndon B. Johnson mentira sobre a actuación dos EUA no Vietnam, nestes de 2019 revelábase até que punto os distintos Executivos mentiron ou, canto menos, edulcoraron a realidade no Afganistán.

"Que estamos tentando facer aquí? Non tiñamos nin idea de onde nos metiamos [...] Se o pobo estadounidense soubese da magnitude destas disfuncións, 2.400 vidas perdidas [en referencia ás baixas estadounidenses]...", reflexionaba Douglas Lute, un xeneral de tres estrelas destinado no Afganistán polos Gobernos de Bush e de Obama. 

Das máis de 600 testemuñas recollidas, o Post tivo acceso a 428, que mostran que os oficiais coinciden en criticar practicamente todos os aspectos da intervención dos EUA, desde a invasión inicial ao fracaso á hora de pór fin á corrupción e ao narcotráfico no Afganistán. 

Ademais, cuestiónase a actuación diplomática da Casa Branca por ser incapaces, din, de impedir que o Paquistán prestase axuda ao Goberno talibán.

Un paseo de 150 km

A caída este 13 de agosto de Kandahar ─que no seu día acolleu unha base de EUA/OTAN con máis de 26.000 efectivos até que foi entregada ás forzas afgás en maio pasado─ coincide coa conquista de Herat, a terceira cidade máis grande; e coa de Ghazni, a máis próxima a Kabul (a só 150 km) e lugar de paso cara ás provincias do sur.

Os documentos da intelixencia estadounidense filtrados esta semana falan de que a capital podería caer ente os próximos 30 e 90 días. Os talibán teñen unha cita reservada en Kabul para o 20º aniversario do 11-S. 

Un país ao bordo da catástrofe humanitaria

As axencias da ONU alertaron este 13 de agosto do rápido empeoramento da situación no Afganistán. "Tememos que o peor está por chegar. A situación ten todas as características dunha catástrofe humanitaria", dixo Thomson Phiri, do Programa Mundial de Alimentos. Máis de 250.000 persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares desde maio (80% mulleres e crianzas), sinalou Shabia Mantoo, da axencia da ONU para os refuxiados.

Moitos informaron de extorsións por parte de grupos armados no camiño. A maioría foxe desde zonas rurais cara a Kabul. "Están a durmir ao aire libre, en parques e espazos públicos", afirmou Jens Laerke, portavoz da Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios. "Unha das principais preocupacións neste intre é nada máis que atoparlles un refuxio", dixo. E a OMS tamén expresou a súa preocupación pola escaseza de materia médico. A ONU informou de que os seus 320 traballadores non abandonarán o Afganistán. 

Comentarios