O CIS sitúa o bloque progresista no Goberno de Madrid

A enquisa do CIS, en plena resaca do debate electoral da Comunidade de Madrid, presenta un bloque progresista máis forte e mellor posicionado para facerse coa vitoria nas eleccións do vindeiro 4 de maio, mentres Ciudadanos continúa por debaixo do 5% mínimo para poder entrar na Asemblea de Madrid nesta lexislatura.
As candidatas e candidatos á Presidencia de Madrid ao comezo do debate. (J. Hellín. Pool / Europa Press)
photo_camera Iglesias (U. Podemos), Monasterio (Vox), García (Más Madrid), Ayuso (PP), Gabilondo (PSOE) e Bal (Ciudadanos). As candidatas e candidatos á Presidencia de Madrid ao comezo do debate. (J. Hellín. Pool / Europa Press)

A sondaxe publicada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) no día de hoxe, na mañá seguinte ao debate entre as candidaturas que se presentan ás eleccións de Madrid o próximo 4 de maio, deixa a porta aberta a un hipotético goberno progresista, dándolle á suma de PSOE, Más Madrid e Unidas Podemos un rango entre 67 e 73 escanos, moi preto dos 69 que determina a maioría absoluta.

As 2.304 entrevistas feitas entre a segunda e a terza feira desta semana manteñen Isabel Díaz Ayuso, candidata do PP, como a primeira en intención de voto, ao outorgarlle entre 54 e 56 escanos, cunha estimación do 36,7% de voto, quedando moi por enriba dos 30 escanos das eleccións de 2019 e recuperando case todo o voto de Ciudadanos.

Porén, segundo os datos do CIS, tería menos posibilidades que o bloque progresista de recuncar no Goberno de Madrid, ao atinxir con Vox, liderado na rexión por Rocío Monasterio (8,2% do voto e entre 11 e 13 deputadas), entre 65 e 69 escanos.

Por outra banda, o PSOE sería a segunda forza parlamentar, cun 23,4% de voto, que lle permitiría chegar até 34-36 deputadas á candidatura encabezada por Ángel Gabilondo.

Como terceira forza consolidaríase Más Madrid, no seu segundo proceso electoral rexional, cun 15,1% para Mónica García e unha estimación de 22 a 24 escanos.

A última formación que se integraría na alternativa a un goberno do PP é Unidas Podemos, que coa candidatura de Pablo Iglesias conseguiría un 8,7%, alcanzando 11-13 asentos no parlamento. A enquisa do CIS tamén recolle até un 30% de indecisas ou que non queren revelar o voto.

Con respecto ao barómetro preelectoral do CIS, publicado a comezos de abril, baixan lixeiramente tanto PP como o PSOE: 3,5% perde Ayuso e 2% perde Gabilondo nestas dúas semanas.

Segundo a enquisa só Vox capitaliza estas baixadas ao medrar un 3% neste tempo, Más Madrid medra un 0,3% e Unidas Podemos mantense igual. 
Ciudadanos (4,6%) non superaría a barreira do 5% para acceder ao parlamento rexional.

Debate electoral

A noite da pasada cuarta feira, Telemadrid organizou o único debate da campaña madrileña ao que acudiron todas as candidaturas con opción de entrar na Asemblea de Madrid.

Cunha marcada división entre bloques, podemos situar entre os intres máis importantes do debate o recoñecemento de Gabilondo de que Iglesias e Unidas Podemos son imprescindíbeis nun goberno alternativo ao do PP, "Pablo, temos 12 días para gañar", chantoulle o candidato do PSOE, despois de defender até o de agora a súa preferencia por un acordo de goberno con Ciudadanos e Más Madrid no que excluía o grupo de Unidas Podemos.

Tamén hai que salientar a defensa da ciencia e a investigación por parte de Mónica García, candidata de Más Madrid, diante dos argumentos negacionistas de Rocío Monasterio (Vox).

Comentarios