As cinzas de Fidel Castro repousan xa perto do mausoleo de Martí, o heroe da independencia

O sepelio do líder revolucionario foi unha cerimonia estritamente privada. Austera. Sen discursos. As súas cinzas descansan no interior dun monolito. Na lápida, austera, só aparece unha palabra: Fidel. Nen apelido nen data de nacimento nen data de falecimento. Só Fidel.

Monolito fúnebre Fidel Castro
photo_camera Raúl Castro saúda o túmulo que garda as cinzas de Fidel

Todo estaba perfeitamente calculado, nada foi deixado ao azar. O sábado, Raúl revelou que o seu irmao non quería honras póstumas iconográficas, nen nomes de rúas, nen bustos nen estatuas. O domingo, sóubose que o sepelio sería estritamente familiar e que non sería retransmitido ao vivo pola televisión cubana.

As cinzas de Fidel foron introducidas por Raúl nunha oquedade no seo dun monolito fúnebre, moi perto do mausoleo de José Martí, o heroe da independencia. A oposición desde Miami tentou alimentar a polémica por esta decisión, por considerar que Martí une o país e Fidel o divide e que non deberían partillar espazo no mesmo cimiterio. A realidade é que millóns de cubanas e cubanos -as multitudes que se mobilizaron estes días, as que aderiron o conceito de Revolución do líder falecido- non tiñan nengunha dúbida de que non había nengún sitio mellor para as cinzas de Fidel do que a cercanía de Martí.

Nese mesmo cemiterio de Santa Ifixenia están tamén soterrados os restos mortais de compañeiros de armas de Fidel Castro quer do mítico asalto ao Cuartel Moncada (1953) quer da guerra revolucionaria (1956-1959) que depuxo o ditador Batista e abriu o camiño á Cuba socialista.

Co sepelio conclúe o longo loito de 9 días co que o pobo cubano despide unha figura irrepetíbel sen a cal é imposíbel concebir a historia de Cuba e a Cuba actual.

Comentarios