Cinco chaves do debate entre Macron e Le Pen para as eleccións deste domingo

Macron e Le Pen. Le Pen e Macron. Ao igual que en 2017, ambos políticos enfrontaranse nas eleccións presidenciais francesas. Ao contrario daqueles comicios, no que o actual presidente de Francia obtivo unha vitoria clara, nos deste domingo, 24 de abril, o resultado final non estará claro até que se produza o reconto de votos. A abstención e a postura que adopten os votantes de Jean-Luc Mélenchon son chaves para coñecer quen será o vindeiro máximo dirixente do Estado francés.
Intre do debate entre Emmanuel Macron e Marine Le Pen. (Foto: Ludovic Marin / AFP / dpa)
photo_camera Intre do debate entre Emmanuel Macron e Marine Le Pen. (Foto: Ludovic Marin / AFP / dpa)

Na noite desta cuarta feira, o actual presidente de Francia, Emmanuel Macron, e a candidata da extrema dereita, Marine Le Pen, participaron no debate previo á segunda volta das eleccións á presidencia do Estado francés, que terán lugar este domingo, 24 de abril.

Macron e Le Pen, mesmos aspirantes que pasaron á segunda volta dos comicios de 20217, volveron enfrontarse nun debate que causaba grande expectación en Francia e a nivel internacional, xa que, ao contrario de 2017, Marine Le Pen ten opcións reais de superar o actual presidente e gañar as eleccións, segundo mostran a maioría de sondaxes, que outorgan unha vantaxe mínima a Macron.

Macron non emprega o termo "extrema dereita"

No debate de 2017, e en xeral na campaña desas eleccións, a estratexia de Macron foi apelar ao "cordón democrático" para illar a "extrema dereita", representada por Le Pen. No entanto, no debate desta pasada noite, o actual presidente do Estado francés optou por non cualificar a súa rival neses termos.

Macron centrou as súas intervencións en atacar as incongruencias do programa de Le Pen, tanto en materia económica como social. O dirixente puxo en dúbida que a candidata sexa o suficientemente competente como para xestionar un país como Francia.

Rusia e a guerra de Ucraína estiveron presentes no debate

Outro dos argumentos empregados por Macron para imporse sobre Le Pen no debate foi a "dependencia económica" do seu partido, Reagrupación Nacional (RN), con Rusia. O presidente vixente fixo referencia, en concreto, a un préstamo de 9 millóns de euros que a formación política debe devolverlle a un banco ruso. "Moitas das súas posicións (con Rusia) explícanse por esta dependencia", arremeteu Macron.

Pola súa parte, Le Pen cualificou de "falsa" e "deshonesta" a acusación do dirixente francés. Tamén asegurou que a súa postura en relación á guerra de Ucraína é semellante á de Macron. Apostou por manter as sancións actuais, pero non aplicar novas ao gas e petróleo ruso, polo efecto negativo que podería ter "na poboación francesa".

A soberanía de Francia e a Unión Europea

Outro dos puntos chave do debate foi a postura de ambos aspirantes na relación cos principais socios europeos de Francia, os países integrantes da Unión Europea (UE). Le Pen propuxo substituír a UE por unha alianza de Estados europeos, e acusou Macron de entregar a soberanía francesa aos intereses de Bruxelas, definíndoo como "eurocentrado".

En resposta, o presidente do Estado francés afirmou que a proposta da súa rival era en realidade unha forma de esconder as súas verdadeiras intencións: "o seu proxecto é un proxecto do que non di o seu nome: a saída da UE". 

Propostas en materia económica

Macron defendeu o modelo económico aplicado en Francia nos últimos cinco anos, que elevou o poder adquisitivo da poboación, e atacou as propostas de Le Pen, da que lamentou a súa "incoherencia" por intentar bloquear como deputada algunhas das medidas que agora ela propón. O dirixente referiuse ao voto en contra da candidata de extrema dereita ao "escudo enerxético" contra a suba de prezos.

Le Pen asegurou que a súa "prioridade" é "devolverlle o diñeiro aos franceses", e subliñou algunhas das principais medidas que, afirmou, aprobará se gaña este domingo: rebaixa xeneralizada do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), suba de salarios e baixada de prezos...

Ningún dos aspirantes consegue a vitoria

Ao contrario que en 2017, cando os medios franceses e internacionais coincidiron en que Macron gañara claramente a Le Pen, a conclusión do debate desta noite para as grandes cabeceiras é que a política de extrema dereita conseguiu aguantar nos momentos de tensión e nos máis delicados para a súa candidatura.

As análises do debate concordan en que Le Pen chegou moito máis preparada que para o dos anteriores comicios. Se ben destacan a superioridade dialéctica de Macron, sinalan que desta vez non conseguiu marcar a diferenza que si acadara en 2017, polo que o resultado das eleccións deste domingo segue a ser unha incógnita.

Comentarios