A cimeira de Minsk acorda un alto ao fogo na Ucraína a partir do 15 de febreiro

A tregua iniciarase ás 00.00h do domingo.

O presidente ruso, Vladimir Putin, anunciou esta quinta feira (12 de febreiro) un alto ao fogo na Ucraína após máis de 16 horas de xuntanza en Minsk (Bielorrusia). Así o acordaron as partes negociadoras (Alemaña, Franza, Ucraína e Rusia) que tamén decidiron retirar a partir desa data (15 de febreiro) o armamento pesado da zona en conflito, segundo recolle o portal de información Russia Today (RT). 

En comparecencia de imprensa, Putin asegurou que para alcanzar a paz na Ucraína e nomeadamente no val de Donbass, será preciso a abertura dun proceso de diálogo entre o goberno de Kiev e as Repúblicas populares de Donesk e Lugansk.

O acordo

Da cimeira que decorreu en Minsk, as partes negociadoras --que adoptaron o formato de Normandia-- extraeron un documento no que se recollen polo miúdo os termos en que se desenvolverá o alto ao fogo e os pasos a seguir no proceso de diálogo posterior. 

O documento recolle a convocatoria de eleccións locais de acordo coa lexislación ucraína, tamén en Donesk e Lugansk

Neste senso, trátase de 13 puntos se fixan as condicións do cesamento das hostilidades --a partir do 15-F ás 00.00h e a retirada do armamento pesado até a liña do frente do 19 de setembro. Aliás, capacítase á OSCE como organismo competente para dar seguimento e verificación ao alto ao fogo para o que lle serán facilitados todos os medios necesarios incluídos satélites, drones (avións non tripulados) e sistemas de radar, entre outros. 

Así mesmo, a partir dese momento, iniciarase un diálogo trilateral entre Kiev e as repúblicas populares para convocárense eleccións locais en Donesk e Lugansk. Aliás, acórdase a reforma da constitución da Ucraína en aras de procurar un encaixe para estes novos territorios pulando pola descentralización como elemento chave e o recoñecemento dun estatus propio para ambas as dúas repúblicas. 

Amnistía e non persecución

No documento tamén se recolle a promulgación dunha lei que prohíba a persecución das persoas que participaron nalgúns dos sucesos acontecidos en Donesk e Lugansk onde foron asasinadas até o momento máis de 6 mil persoas. Asemade, procederase ao indulto e amnistía das persoas detidas por estes feitos. 

Acórdase a reforma da Constitución ucraína coa descentralización competencial como eixo chave e o recoñecemento do novo estatus político para Donesk e Lugansk

Noutra orde de cousas, as partes acordaron proceder ao intercambio de reféns e aqueloutras persoas que fosen detidas ilegalmente nun prazo de tempo de "cinco días" desde o inicio da tregua. 

Axuda humanitaria e servizos sociais

O acordo alcanzado en Minsk abrangue tamén o acceso, entrega, almacenamento e distribución de axuda humanitaria através dos mecanismos internacionais. Tamén así, fíxase a determinación de restituír as axudas sociais, pensións e outros pagamentos en base ao marco legal ucraíno. 

Diálogo tripartito

O documento tamén recolle a constitución de grupos de traballo con representación das tres partes en conflito á fin de pór en andamento os acordos de Minsk. 

Comentarios