Cimeira das Américas histórica en Panamá

A presenza de Cuba e o proceso de desxeo das relacións de EUA e a illa é un dos focos de atención desta VII edición. Mais non o único.

cimeira bandeiras

Cimeira das Américas histórica en Panamá, unha edición (a sétima) que decorre estes días e na que tomarán parte a práctica totalidade dos estados do continente. Cuba está presente na cita e a agardada fotografía de Barack Obama e Raúl Castro xuntos vai ser a a imaxe desta cimeira. Que a illa poida estar no encontro débese ao proceso de desxeo das relacións entre Cuba e EUA após recoñecer Washington o fracaso do bloqueo, mais tamén á firmeza dos estados latino-americanos. Na anterior edición, en Cartagena de Indias (Colombia) xefes de estado e de goberno transmitiran a Barack Obama que non podía haber máis cimeiras con boicote a Cuba. Máis recentemente, os países do ALBA anunciaban que se se impedía asistir a Cuba, eles non acudirían ao cumio. Aliás, Obama -segundo diversos medios europeos e norte-americanos- quer iniciar un proceso de ‘’normalización’’ das relacións cos países latino-americanos

Na noite desta quinta feira en Panamá, os chanceleres de Cuba e EUA reuníronse por primeira vez desde o triunfo da Revolución (1959). Unha xuntanza a de John Kerry e Bruno Rodríguez preparatoria da que manterán ambos os dous mandatarios. 

Venezuela

No limiar desta cimeira 24 ex-presidentes, entre eles o español José María Aznar, subscribiron un duro comunicado contra o goberno venezuelano, o que xerou un profundo malestar en diferentes delegacións que asisten a esta cita e que vén nese comunicado unha inxerencia. Nicolás Maduro xa anunciou que levará a este cumio os perto de 10 millóns de sinaturas recollidas contra a ‘’ofensiva’’ estadounidense de declarar Venezuela unha “ameaza”.

A Cimeira das Américas, na que cada tres ou catro anos reúnense os xefes de Estado e de goberno de 35 países do continente americano, realízase desde 1994. Pretende abrir unha xanela de diálogo entre todos os estados do continente. Nesta ocasión, e ademais dos temas mencionados, a crise do petróleo e o decorrer da economía na rexión tamén serán centro de debates.

Cimeira indíxena

A Coordenadora Nacional de Pobos Indíxenas do Panamá (COONAPIP) convocou unha cimeira de pobos orixinarios de Abya Yala (América en lingua Guna), como parte das actividades colaterais pola VII Cimeira das Américas.

Chamar a atención dos xefes de Estado ou Goberno, participantes no evento panameño, sobre a situación dos pobos indíxenas da rexión, é o obxectivo central do encontro, que será realizado paralelamente ao de presidentes. Confirmaron participación líderes de etnias orixinarias dos Estados Unidos, Canadá, América Central, Amazonia e as aldeas radicadas no Panamá,.

Comentarios