CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA

Cifras e letras

Voto útil como voto lixo. Así de crecido andou Albert Rivera esta fin de semana, animado por uns supostos resultados que, cando menos, lle dan un número de votos cos que poder presumir de vitoria. Albiol, que nunca defrauda, visitou San Sadurní d’Anoia e comparou os efectos do 155 coas virtudes do cava. Echenique tirou de “tic electoral” e arremeteu contra ERC plantexando o tópico -de mal gusto dadas as circunstancias- de cal é o seu programa e quen é o seu candidato. E Ada Colau “contraprogramou” Domènech desviando a atención cara unha revelación persoal tan loábel como fóra de contexto, a da súa bisexualidade. 

Captura de pantalla 2017-12-11 a las 13.27.41
photo_camera Un momento do mitin da CUP en Barcelona

Como vedes, o primeiro sábado e domingo de campaña non estiveron exentos de piques e puyazos que, a simple vista, poderían entrar na categoría de anécdota ou do que os xornalistas damos en chamar crónicas de cor ou ambiente. Mais, desgrazadamente, os feitos impóñense á brincadeira e nin se trata de declaracións  descontextualizas nin de discursos fóra do “relato”.

Estes días xurdía precisamente o debate entre compañeiros e compañeiras de profesión, tanto plumillas como directores de campaña, sobre a idoneidade de falar de “relato” fronte a “argumentarios”; até qué ponto son conceptos antagónicos ou están a usarse como tal cando a realidade é ben distinta e, ademais, preocupante. 

Relato é construír ad hoc unha historia, é asumir, por tanto, que non se vai contar necesariamente a verdade, nin siquera a “nosa verdade”, senón a que sexa máis acaída ao fin que se persegue. Para un/unha xornalista, logo de varios días de campaña, non é doado dar cun titular novo, cunha información diferente porque as maquinarias electorais soen ter perfectamente medidas as mensaxes e ben aleccionados os seus/súas candidatos para que repitan non só ideas senón até palabras nos discursos, dándose ás veces o caso de poder completar as frases antes de que o propio orador as remate. 

Relato é construír ad hoc unha historia, é asumir, por tanto, que non se vai contar necesariamente a verdade, nin siquera a “nosa verdade”, senón a que sexa máis acaída ao fin que se persegue

Co “relato”, algo que parecía tan só un “eufemismo de argumentario” na teima da “nova política” de se diferenciar da “vella”, finalmente non hai tal inocencia, non se trata dunha palabra oca ou baleira elixida porque sexa moderna, senón que se vai un paso máis alá. Un paso que, obxectiva e academicamente, podería achegarnos a estratexias máis próximas ao fascismo e á uniformización que á democracia, pois deixa de ser un modo de contar, de vehiculizar o discurso para sustituilo polo discurso en si mesmo.

Pero este é outro debate que agora non toca. Deamos relato por bo e conclúamos que o desta fin de semana seguiu perfectamente o guión trazado de bos contra peores, co engadido da demoscopia e dos paracaidistas do Estado.

A demoscopia que, comicio tras comicio, foi perdendo credibilidade ante a única enquisa que nunca falla, a dos resultados. Como se explica senón a diferenza entres estes titulares?

-“La mayoría soberanista se aleja y tres listas pugnan por el triunfo”

-“Una enquesta de JuntsXCat dona la victórica a CS i situa Puigdemot davant d’ERC”

Paracaidistas

 

O desembarco -como xa avanzamos na crónica anterior, salvo no caso de Rivera- está sendo como un susurro, é máis, de falar tan baixiño, como pediu Pablo Iglesias, case nin se lles oe. De feito, até o de agora, os Comúns están algo fóra de xogo. De Domènech non podería nin lembrar unha frase, un xesto, só o “abrigo Borgen”, e porque a min me pode a estética, que de ser outra xornalista calquera nin con ese detalle me quedaría. Non crea opinión, nin siquera coa oportunidade que che dá unha entrevista a toda páxina en domingo; pero claro, se tes a túa compañeira a noite anterior en Sálvame Deluxe dando un bombazo, xa se sabe cais van ser os titulares, mal e ben intencionados. Echenique non é Iglesias, pero podería ter levantado algo a campaña. Non en van, esta fin de semana cadrou co Día Internacional da Corrupción e co Día dos Dereitos Humanos. Mais como se fosen entes illados, mentres as redes de Podemos si facían campaña para que “o PP devolva o roubado”, o seu secretario de Organización preferiu arremeter contra Esquerra ironizando nada máis e nada menos con quen vai ser o seu candidato. Se temos en conta que Oriol Junqueras está na cadea pola aplicación dun artigo que o propio Podemos recorreu ante o Tribunal Constitucional e cualificou de ataque á democracia e ao estado de dereito… pois non semella o titular máis acertado.

De Domènech non podería nin lembrar unha frase, un xesto, só o “abrigo Borgen”, e porque a min me pode a estética

Sobre Pedro Sánchez, imaxinade unha sesión pésima no Actor’s Studio, mesmos nun idioma que non entendedes, e teredes o resume da súa presenza; entalada, comprimida, en dúas xornadas, pois aínda non está confirmado se se vai volver deixar ver ou directamente vai abandonar Iceta á súa sorte. “Hai remontada, non o vedes nas rúas, nos mercados? Eu véxoo, aquí está o Partido Socialista”. De seguro que o vistes por televisión, así que xa imaxinades a impostura, eu recoñezo que fixen como os correspondentes de guerra, seguilo dende o hotel. Lleida ficaba algo lonxe, facía frío e, por moi guapo que sexa, non é o meu target. Para guapos, Roger Torrent, de Esquerra, que lle sae así de natural, ademais. Entrou en campaña, igual que Forcadell, para arroupar unha Marta Rovira que está sendo atacada por terra, mar e aire. En política os erros dificilmente se perdoan e se o cometiches na Sexta, con Jordi Évole, es muller, e choras, e sentes, e pensas… pois estás acabada. 

mitin psoe

A Albiol non lle fixo falta ningún paracaidista, malia que por se acaso lle mandaron Maroto. Por se acaso tamén debían terlle elixido unha axenda que nada tivese a ver co alcohol, que as burbullas se poden subir á cabeza e, xa se sabe, cunhas copas de máis a tendencia é a dicir o que se pensa, así, sen diplomacia nin man esquerda:

Sobre Pedro Sánchez, imaxinade unha sesión pésima no Actor’s Studio, mesmos nun idioma que non entendedes

"O cava é celebración, reencontro e estar xuntos, e o artigo 155 pode asimilarse cos efeitos ou os motivos do cava, porque, aínda que non serviu para facer celebracións, ter permitido que Catalunya volte a ser unha sociedade cun certo reencontro e unha capacidade de voltar a estar xuntos".

A verdadeira fractura é a desigualdade

 

Barcelona é como case todas as cidades en Domingo, apagada e deserta, máximo cando polo medio houbo unha ponte de varios días. É entre o lusco e fusco cando vai recobrando pouco a pouco a vida, cando eses máis de 300.000 turismos que saíron da área metropolitana –segundo dados de Tráfico- fan horas de asfalto para volver a casa. Sabes que chegaron se observas os edificios de enfrente, cómo pouco a pouco ves de novo as televisión acesas, as luces da cociña e algún que outro señor que se tumba en camiseta de sisas nun sofá bastante esfondado para ver os resultados do fútbol. 

Nesta ocasión foi un domingo a un tempo deserto e cincento; cecais polo clima, polo meteorolóxico, pero polo político tamén. Estamos en vésperas de Nadal, pero o que impera non é precisamente o espirito de “Paz aos homes de boa vontade”, senón máis ben o Mr. Scrooge do mítico conto de Dickens. Reconcilia que xusto nese intre no que a cidade comezaba a recuperar o seu pulso, toda a emoción que debe caracterizar unha campaña se concentraba no Pavillon de Vall d’ Hebron, no acto central da CUP.

Estamos en vésperas de Nadal, pero o que impera non é precisamente o espirito de “Paz aos homes de boa vontade”, senón máis ben o Mr. Scrooge do mítico conto de Dickens

Obviamente, eles non saíron ao escenario arroupados por outros que non foran eles mesmos, malia que lendo as noticias que chegan dende Galiza e a teima da sucursal galega de Podemos con esta formación, xa había bromas nas redes para se presentar nas próximas eleccións e arrebatarlle a maioría a Feijóo

Si, evidentemente falaron de independencia e de unilateralidade. Fixeron un chamamento a ERC e a Puigdemont para non retornar nin claudicar ante a vía autonomista e, sobre todo, enviaron unha mensaxe aos Comúns que é o segundo aviso a navegantes que reciben nos mesmos termos en menos de 15 días, o que debería darlles que pensar: Deixar de afastarse do 15M e retomar o compromiso coa ruptura do réxime do 78, en vez de apuntalalo.

Si, evidentemente falaron de independencia e de unilateralidade. Fixeron un chamamento a ERC e a Puigdemont para non retornar nin claudicar ante a vía autonomista

Cun pano palestino despregado sobre o atril, porque hai quen fala de algo máis que de 155, quen está informado do que está a acontecer, por exemplo, en Palestina; cun recordo aos compromisos do goberno sobre os refuxiados, pois a celebración dos Dereitos Humanos tamén ten moito a ver con eles e cunha mensaxe clara e contundente tanto ao bloque constitucionalista como aos que se sitúan na ambigüidade: “O fascismo non se transforma, hai que combatelo de cara, hai que expulsalo", o pavillón e a campaña medraron.

Captura de pantalla 2017-12-11 a las 13.30.47Vaqueiros e impecábel suéter negro, serenidade e firmeza para concluír que “é o tempo de que as clases traballadoras recuperen o protagonismo para facer a necesaria transición postfranquista na que a xente, os dereitos e a liberdade sexan protagonistas”.

Carles Riera demostrou que se pode construír un discurso social e territorial, é máis, de non dar o seu nome o paralelismo con moitas das intervencións e postas en escena de Rafa Mayoral, de Podemos, sería brutal. Por que é tan difícil, entón, o entendimento? 

17 graos

 

Fica moita campaña por diante. Hoxe é segunda fira e o día está aínda máis chumbizo; chove, de feito, máis mellor ficar co espírito da noite, que foi cálida até na temperatura, 17 graos, e agardar que neste tempo que resta, con permiso das “partisanas”, salte “a chispa da vida” entre quen poden demostrar que “a única fractura verdadeira que existe é a da desigualdade”.

Nota: as fotos están tiradas de @cupnacional e @pedrosanchez

Comentarios