Chipre: o corralito prorrógase unha semana máis

Até a vindeira terza feira @s cidadáns chipriotas non poderán retirar diñeiro dos seus depósitos bancarios. Unha confiscación sen precedentes na UE. Chipre negocia unha saída rusa á crise. E a igrexa ortodoxa chipriota fixo aparición en escena
Chipre

O corralito prorrógase unha semana máis en Chipre por decisión do seu Banco Central após o Parlamento de Nicosia ter rexeitado esta terza feira o plano de resgate da UE. En teoría, as e os cidadáns poderían retirar diñeiro dos caixeiros automáticos, mas algunhas fontes afirman que estes xa esgotaron o seu efectivo nos últimos días.

Mentres, o goberno negocia con Rusia unha moratoria da débeda (Moscova concedeu a Chipre un empréstimo en 2011 por valor de 2.500 millóns de euros).

Algunhas fontes afirman que Gazprom, a multinacional rusa do gas, podería cobrir a débeda chipriota a troca de se facer cos dereitos sobre os xacimentos de gas da illa mediterránea.

“Toda a riqueza da igrexa está a disposición do país para que poidamos aguantar de pé e non depender destes estranxeiros”, manifestou o arcebispo de Chipre, Chrisóstomos II

A igrexa ortodoxa, ao rasgate?

Mentres o goberno de Nicosia tantea sondexa a posibilidade da vía rusa (o seu ministro de Facenda, Michalis Sarris), leva dous días en Moscú, un novo actor fai aparición en escena:a igrexa ortodoxa. “Toda a riqueza da igrexa está a disposición do país para que poidamos aguantar de pé e non depender destes estranxeiros”, manifestou o arcebispo de Chipre, Chrisóstomos II, após se reunir co presidente, Nikos Anastasiades. 

O goberno desta pequena illa mediterránea baralla botar man do patrimonio da igrexa para non ter que botar man da taxa sobre depósitos bancarios. E mesmo non descartaría,segundo diversas fontes,nacionalizar os fondos da Seguridade Social.

Cómpre lembrar que Bruxelas aceptou destinar 10 mil millóns de euros a resgatar Chipre. Mais, en troques, a illa debería achegar 5.800 millóns.

Alemaña, aperta e afoga

E mentres tanto,Alemaña (a quen @s chipriotas sinalan como responsábel de tratalos como unha simple colonia) xa dixo por boca do seu ministro de Facenda, Wolfgang Schäuble, que “alguén ten que deixar claro aos chipriotas” que para poder seguer a perceber axudas de Europa teñen que se someter a un plan de resgate.


Comentarios