Xulio Ríos, director do Observatorio da Política Chinesa

"En China o papel do marxismo, nunca abandonado, está a repuntar"

Compostela vai acoller esta sexta feira un foro de cooperación sino-europea organizado polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e pola Academia de Marxismo da República Popular de China. No foro tomarán parte por volta de 60 profesores de universidades chinesas e terá tamén como sedes itinerantes Roma e París. Falamos sobre o seu contido con Xulio Ríos, fundador do IGADI e director do Observatorio da Política Chinesa.

Xulio Ríos
photo_camera Xulio Ríos

-O primeiro que chama poderosamente a atención deste Foro é que estea co-organizado pola Academia de Marxismo da RPCH. Digo isto porque os meios de comunicación mainstream teñen construído nas últimas décadas en Occidente un relato segundo o cal China é hoxe calquera cousa menos un país socialista. Que peso realmente ten o marxismo neste momento en China, despois das reformas pro-mercado impulsadas por Deng Xiaoping xa desde mediados dos anos 70?

-É certo que a reforma e apertura que propiciou o salto económico chinés incorporou variábeis como o mercado ou a propiedade privada, antes rexeitadas por asocialas co capitalismo; agora ben, o PCCh considera que a utilización deses factores non determina por sí soa a natureza do sistema político. A día de hoxe, a maior fortaleza e desenvolvemento de China non parece apuntar á busca dunha homologación co liberalismo senón á afirmación dun camiño propio e nesa rota, o papel do marxismo, nunca abandonado, está a repuntar. 

-O modelo chinés combina a planificación -co control público dos sectores estratéxicos- co mercado, combina socialismo con capitalismo. Como está a ser o balance entre este dous elementos neste momento e cal é a medio prazo a evolución previsíbel? Cara máis planificación ou cara máis mercado?

-No fundamental, a planificación seguirá desempeñando un papel esencial aínda que o papel do mercado está lonxe de ter esgotado o seu percorrido. O que non hai en China é unha sacralización do rol do mercado. Tense claro que a intervención gobernamental é tan indispensábel como desexábel. O sector público, que a fin de contas representa a base económica do PCCh, vai seguir desempeñando un papel clave. Basta unha ollada ao XIII Plan Quinquenal para comprender a significación e transcendencia da planificación.

-O Foro analisa a colaboración sino-europea e o fenómeno da globalización. Hai unha vía chinesa para unha globalización sustancialmente distinta da que lidera o trípode EUA-UE-Xapón?

-China formula un novo modelo que pretende ser máis inclusivo, non baseado exclusivamente no fomento do libre comercio senón nas infraestruturas, na coordinación de estratexias e políticas económicas, na cooperación Sur-sur, nunha maior consideración dos intereses dos países en vías de desenvolvemento, no respecto ás vías elixidas por cada país para alentar o seu crecemento económico… Veremos se é posíbel.

-Tamén se vai falar dun proxecto ao que Beijing concede enorme importancia: a reconstrución da Rota da Seda. En que consiste esa iniciativa e que pretende China con ela?

-Ten dúas ponlas: a terrestre e a marítima e en certa medida vén concretar aquela proposta de outro modelo de globalización. Presta moita atención ao reforzamento da conectividade, involucrando máis de 60 países de Asia, Europa e África. Conta con instrumentos financeiros de apoio ben destacados como un Fondo específico ou o propio BAII, que reforza as accións do NBD dos BRICS. 

-Nese sentido, e do ponto de vista dos intercambios comerciais que a Rota sen dúbida viría incrementar, que presenza galega hai en China e como se podería incrementar o seu peso? 

-A presenza galega en China é moi reducida e avanza moi timidamente, sen unha estratexia clara. Pola contra, é constatábel o crecente interese de China. Cumpriría ser máis proactivo e pór en valor as nosas potencialidades para tirar maior proveito desa relación. China é xa o terceiro provedor de Galiza e un investidor notábel. Pero ao igual que acontece noutros lares, é China quen tira máis da relación.

-O Foro vaise realizar nas vésperas do novo congreso do PCCH. Distintos analistas -ti propio entre eles- afirman que este conclave podería ser testemuña do nacimento dun novo pensamento no país, o xiísmo, en alusión a Xi Jinping, actual presidente do país e líder do partido. Cais serían os seus trazos definitorios?

-O que Xi Jinping propón é unha actualización das teorías políticas do PCCh a fin de garantir a súa perennidade como referente da súa arquitectura sistémica. Afonda polo tanto no deseño do que chaman o top level design, unha estrutura política cunha gobernanza adaptada á realidade actual nunha China chamada a culminar o seu vello soño da modernización, pechando o ciclo histórico da decadencia.

-Na escena xeopolítica é imposíbel falar neste momento de China sen tocar o asunto de Corea do Norte. A impresión que se ten desde fóra é que Pyongyang vai cada día máis por libre e que a tutela de Beijing sobre Kim Jong-un directamente xa non existe. Até que ponto está preocupada China pola cuestión coreana?

-Para levar adiante a súa estratexia, China precisa sosego no seu entorno inmediato. Un conflito armado de gran calibre na zona sería nefasto. A estratexia norcoreana facilita argumentos para incrementar a presenza militar dos EUA na zona, que vai en detrimento dos intereses da China. O momento entre Beijing e Pyongyang non é o mellor pero ambos os dous se necesitan.

Comentarios