Nova política demográfica do xigante asiático

China manexa a hipótese de suprimir o límite de dúas crianzas por familia

O goberno discute esta semana o rascuño dun novo código civil que, após 40 anos de control, omite medidas de cara á planificación familiar

pre-school-china
photo_camera Crianzas chinesas.

O xigante asiático afronta o seu problema demográfico e estuda a posibilidade de retirar as políticas de restricións de natalidade. A medida, en vigor desde 1976, limitaba a cifra de descendentes a unha filla por parella en base ao crecemento poboacional desmedido, e aumentara a dúas crianzas despois de 2016. O goberno chinés prepárase para botar adiante un código civil que poría fin a unha medida que se fixo cumprir á forza, mediante multas, abortos forzados e esterilizacións.

O xornal The Procuratorate Daily –ligado á fiscalía do país– anunciou que o borrador do documento non fai referencia a ningunha “planificación familiar”, desprendendo que non habería novas políticas para aumentar ou permitir determinado número de descendencia. O potencial novo código civil está a ser discutido esta semana polo actual comité do Congreso Nacional do Pobo. A perspectiva é que a lei marco sexa completada por volta do ano 2020.

Estas medidas teñen lugar nun escenario nacional cunha forza de traballo envellecida que tería enlentecido o crecemento económico da China. A concesión da política dos dous fillos na anterior reforma non tería sido abonda para reparar a situación. Ademais, devanditos desequilibrios demográficos entre a cantidade de homes e mulleres serían abono para problemas sociais no xigante asiático, onde as mulleres ven afectadas negativamente a súa posición no mercado laboral e na sociedade.

Outros puntos que aborda o documento, ligado á evidente desigualdade de xéneros no país, son as novas normas para frear o “intenso problema de acoso sexual”. As vítimas poderían demandar aos agresores “asumir responsabilidade civil” por acosar física ou verbalmente, ou por tirar proveito dunha relación de subordinación, segundo apuntaba esta terza feira a axencia de noticias Xinhua. Tamén é incluída a proposta de introducir un “mes de reflexión” antes dun proceso de divorcio, período durante o cal calquera das partes pode retirar a súa solicitude.

As reaccións nas redes sociais chinas non tardaron en chegar, da man das especulacións sobre unha mudanza efectiva destas políticas. Segundo os dados xestionados polo goberno chinés, o crecemento demográfico foi a metade do agardado: 17.9 millóns de crianzas naceron desde a política das dúas fillas. O escenario é de tal urxencia que mesmo académicos chineses propuxeron unha “taxa de fondo de maternidade” que deberían aboar aquelas parellas con un só fillo ou sen descendencia ou outras medidas para forzar e controlar os dereitos reprodutivos das mulleres chinesas.

Comentarios