China bórrase das conversas entre EUA e Rusia sobre o acordo nuclear

O 22 de xuño reuniranse en Viena os representantes de Washington e Moscova para negociar a renovación do Novo START, o tratado armamentístico co que se limita a 1.550 as cabezas nucleares de cada potencia e cuxa vixencia finaliza en febreiro de 2021
2020061014220234614
photo_camera Os presidentes Obama e Medvedev asinaron en 2010 o START (armscontrol.org)

A China anunciou o seu rexeitamento a participar nas conversas sobre asuntos nucleares cos EUA e Rusia, logo de Washington confirmar unha reunión neste sentido con Moscova e convidar a unirse a Beijing.

"Notamos que os EUA estiveron arrastrando a China ao tema [...] cada vez que se suscita" coa intención de desviarse da súa responsabilidade, dixo unhaportavoz do Goberno, que agregou que as aseveracións de Washington de querer negociar de boa fe parecen "extremadamente ridículas e mesmo surrealistas".

A reunión en cuestión, anunciada esta semana polo enviado especial dos EUA para o Control de Armas, o embaixador Marshall Billingslea, desenvolverase o 22 de xuño en Viena.

Os Estados Unidos poderían estar dispostos a prorrogar o Novo START, o tratado armamentístico co que se limita a 1.550 as cabezas nucleares de cada potencia e cuxa vixencia finaliza en febreiro de 2021, coa condición de que Rusia poida convencer a China de sentar na mesa de negociación.

Diferentes aliados

Moscova, pola súa banda, confirmou nas últimas horas que participaría por medio do viceministro ruso de Exteriores,  Sergei Ryabkov, na xuntanza de Viena, mais dixo que a insistencia de Washington por incluír a Beijing podería frustrar o esforzo.

O presidente Donald Trump retirou os EUA de varios acordos internacionais, mais dixo ter especial interese en preservar o Novo START, que obriga os Gobernos ruso e estadounidense a reduciren á metade os seus inventarios de lanzadores de mísiles estratéxicos.

Con todo, Washington di que o sucesor do Novo START debería incluír a China, cuxo arsenal nuclear está a aumentar aínda que continúa a ser significativamente menor aos de Rusia e os Estados Unidos.

En tanto, Moscova defende que son o Reino Unido e Francia, aliados dos EUA con armas nucleares, aínda que en cantidades menores, quen deberían estar na mesa de negociación.

Comentarios