Chile vota este domingo para deixar atrás a constitución neoliberal imposta por Pinochet

A nova carta magna aséntase no respecto á poboación indíxena do país e a aposta polo "ecoloxismo" e o "feminismo".
Manifestación en apoio da nova constitución. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación en apoio da nova constitución. (Foto: Europa Press)

15 millóns de chilenos e chilenas están chamadas este domingo ás urnas para votar unha nova constitución, que substituiría a imposta en 1980 pola ditadura de Augusto Pinochet. A nova carta magna, segundo o Goberno chileno, está marcada polo “feminismo” e o “ecoloxismo”.

Esta nova constitución foi redactada durante algo máis de dous anos por unha convención constituínte, a raíz das multitudinarias protestas de 2019 no país sudamericano, protagonizadas polo movemento estudantil, indixenista e feminista.

A represión do Goberno chileno da altura contra aquelas manifestacións sentou a primeira pedra para que unha gran parte da sociedade chilena comezase a ver con bos ollos un cambio na constitución do seu país. Nun primeiro plebiscito, que decorreu o 25 de outubro de 2020, 78% da poboación votou para substituír a carta magna imposta por Pinochet.

A votación deste domingo chega cun ambiente de alta polarización política, coa dereita tradicional e a extrema dereita posicionándose totalmente en contra da nova constitución e o bloque da esquerda facendo campaña pola súa aprobación.

Nova constitución

De aprobarse, a nova constitución mudará tanto o entendemento dos dereitos sociais fundamentais en Chile como a propia concepción legal do país. Así, o texto legal define Chile como “un Estado social e democrático de dereito. É plurinacional, intercultural, rexional e ecolóxico”.

Esta nova definición mostra especial sensibilidade coa poboación indíxena de Chile, que supón 13% do total. Para a redacción de todos os artigos relacionados con este segmento social, conformouse un Comité de Pobos Indíxenas, encargada de recoller e protexer os seus dereitos.

Por outra parte, a nova constitución fai fincapé en varios aspectos relacionados co feminismo. O texto detalla que o Estado chileno debe garantir o seu exercicio “sen discriminación, con enfoque de xénero, inclusión e pertenza cultural”.

Outro dos puntos que subliña a carta magna que hoxe se vota en Chile é o dereito ao aborto, “asegurando a todas as mulleres e persoas con capacidade de xestar as condicións para un embarazo, unha interrupción voluntaria do embarazo, o parto e unha maternidade voluntarias e protexidas”.

Comentarios