Amplo consenso

Chile irá cara a unha nova Constitución

Goberno e oposición, exceptuando o Partido Comunista e outras organizacións da esquerda, consensuaron realizar un plebiscito en abril de 2020 para dotar o Estado dunha nova Constitución e superar o confronto social.

Mobilizacións en Chile en 14 de novembro (EP)
photo_camera Mobilizacións en Chile en 14 de novembro (EP)

En dúas páxinas collen as doce propostas que as e os representantes políticos aprobaron para emprender o proceso polo que Chile se dotará dunha nova Carta Magna. Así o consensuaron Goberno e oposición, coa excepción do Partido Comunista e outras organizacións da esquerda. O documento aprobado comeza coa primeira das propostas, onde se marca o compromiso dos partidos para garantir o restabelecemento da paz e a orde pública en Chile.

No plebiscito preguntarase ao pobo se este apoia ou non un cambio constitucional e logo elixirase entre dous mecanismos para redactar a Carta Magna: unha convención constituínte composta nun 100% por cidadás cidadáns ou unha convención mixta conformada 50 % por parlamentarios e 50 % por membros electos para este fin.

Após o plebiscito, realizarase a elección das e dos constituíntes en outubro do próximo ano e os comicios para elixir gobernadores, alcaldes e alcaldesas. Posteriormente, as persoas integrantes da constituínte traballarán durante 9 meses na redaccións da Constitución cun único prazo prorrogábel de 3 meses.

O novo texto constitucional someterase a un plebiscito de ratificación onde votar será obrigatorio.

O presidente do Senado, Jaime Quintana, sinalou que o acordo é unha saída pacífica e democrática «ante a crise que atravesa Chile desde outubro». Desde entón o Estado vive multitudinarias marchas, mobilizacións e forte represión por parte do Goberno dereitista. O pobo clama contra a desigualdade social no país e esixe a posta en marcha de profundas reformas sociais.

Desde o PC criticouse que o partido non foi convidado a debater sobre os puntos sobre os que se alicerzará o proceso.

Comentarios