martes 24/11/20

Chile decide este domingo o seu futuro constitucional

Este domingo, 25 de outubro, terá lugar en Chile o plebiscito consitucional adiado pola pandemia no mes de abril.
Miles de persoas maniféstanse no primeiro aniversario do inicio das protestas sociais en Chile (José Francisco Zúñiga).
Miles de persoas maniféstanse no primeiro aniversario do inicio das protestas sociais en Chile (José Francisco Zúñiga).

Case 15 millóns de chilenos e chilenas están acreditadas para responder este domingo á consulta, mediante votación, sobre a posibilidade de que o seu país conte cunha nova Constitución.

O plebiscito, previsto para o pasado 26 de abril, tivo que ser adiado por mor da pandemia da Covid-19. Na practica é o resultado dun amplo consenso asinado no Congreso na madrugada do 15 de novembro do ano pasado, no medio dunha serie de protestas e manifestacións pacíficas, mais tamén de altercados públicos consecuencia do estalido social do 18 de outubro.

Aprobo ou rexeito

Os electores terán que decidir se aproban ou rexeitan o inicio dun proceso para a redacción dunha nova Constitución, a cargo ben dunha Convención Constitucional -paritaria, integrada por cidadáns electos para este propósito- ben dunha Convención Mixta -formada por 86 cidadáns electos e 86 parlamentarios designados polo Congreso-, unha escolla que tamén recolle o sufraxio.

De ganar o 'rexeito', en Chile seguirá vixente a Constitución actual, de 1980, redactada e baixo o réxime militar de Pinochet. De triunfar o 'aprobo' abrirase un procedemento para a redacción dun novo texto constitucional  que ha de ser consensuado e ratificado.

O presidente de Chile, Sebastián  Piñera, condenou nos últimos días os actos de violencia rexistrados durante o primeiro aniversario do estalido social no país. Nese sentido, asegurou que non permitirá que "algúns grupos minoritarios" violentos impidan que o plebiscito deste domingo transcorra de forma pacífica, para o que o Goberno acordou, ademais a suspensión do recoller obrigatorio, co fin de "facilitar a mobilidade e a circulación das persoas".

comentarios