Chile debate o indulto para os detidos no estalido social

Masiva marcha de aniversario con incidentes.
EuropaPress_4014535_18_october_2021_chile_santiago_group_of_demonstrators_wear_masks_march
photo_camera Participantes na manifestación da segunda feira en Santiago (Foto: Matias Basualdo / ZUMA)

Saqueos, disturbios e incendios de mobiliario público e de propiedade privada salpicaron na segunda feira (madrugada galega de hoxe) unha xornada maiormente pacífica e festiva en que ducias de miles de chilenos en todo o país celebraron o segundo aniversario das históricas protestas que comezaron o 18 de outubro de 2019.

Segundo informou a Policía chilena, 450 persoas foron detidas e rexistráronse dúas mortes: unha, tiroteada nun asalto masivo a un local comercial na comuna de Peñalolén, en Santiago; e outra, nun accidente de moto na comuna de La Granja, tamén na capital chilena.

A concentración máis masiva tivo lugar na céntrica Praza Italia de Santiago de Chile (oficialmente, Praza Baquedano, e rebautizada como Praza Dignidade ao comezo da revolta). Perto de 10.000 persoas, segundo as primeiras cifras ofrecidas polas autoridades policiais acudiron á convocatoria, na súa gran maioría manifestándose de forma pacífica, con cánticos e música, desde primeiras horas da tarde até entrada a noite.

O Goberno aproveitou os actos vandálicos para criticar a reclamación de indulto para as persoas presas durante as protestas iniciadas hai dous anos e que aínda permanecen no cárcere. Reclamación que se debate en forma de lei no Congreso e que protagonizou as mobilizacións das últimas horas.

Fabiola Campillai, que perdeu a visión durante a represión policial das revoltas de 2019, tomou a palabra na Praza Italia para pedir aos parlamentarios a aprobación da Lei de Indulto, segundo informou TeleSur

"Querémolos na rúa, loitando connosco", afirmou Campillai, que se postula como candidata independente ao Senado de cara ás eleccións do próximo 21 de novembro.

Ecuador, militarizado

Por outra banda, no veciño Ecuador, o presidente Guillermo Lasso declarou o estado de excepción no país por 60 días, no marco do seu Plan Nacional de Seguridade para combater a violencia e a delincuencia.

O tamén banqueiro, salpicado pola investigación dos Pandora Papers, instou ás forzas especiais a actuar con contundencia e "coa valentía que as caracteriza". "Este Goberno indultará todos aqueles que sexan inxustamente condenados por cumprir co seu labor, os nosos xuíces deben garantir a paz e a orde", afirmou.

Comentarios