Chega a Venezuela o segundo petroleiro iraniano

O anuncio do envío dos buques espertara especulacións sobre unha posíbel resposta dos Estados Unidos, cuxas sancións pesan tanto sobre Venezuela como sobre o Irán. Washington despregou hai semanas unha misión naval en augas do Mar Caribe
EuropaPress_3164245_petrolero_irani_fortune_llegada_venezuela_cargamento_gasolina (1)
photo_camera O petroleiro iraniano 'Fortune', á súa chegada a Venezuela (ABN / Europa Press)

O Centro de Seguimento de Petroleiros confirmou que o buque Fortune, procedente do Irán, con combustíbel para Venezuela, arribou onte á refinería El Palito, 120 quilómetros ao oeste de Caracas, capital do país suramericano. Unha mensaxe por redes sociais desa entidade especializada ratificou que o buque con 43 millóns de litros de gasolina está fondeado no peirao dous de El Palito, segundo informaron os medios locais. 

A nave cargou combustíbel a mediados de marzo e partiu hai pouco máis dunha semana desde o porto iraniano de Shahid Rajaee con rumbo a Venezuela.

Outros catro buques petroleiros encheron os depósitos no mesmo lugar. O segundo, Forest, ingresou tamén onte na zona económica exclusiva venezolana en dirección cara ao seu destino, escoltado por barcos da Mariña venezolana.

Os outros tres navíos son o Clavel, o Faxon e o Petunia.

O anuncio do envío dos buques espertara especulacións sobre unha posíbel resposta dos Estados Unidos, cuxas sancións pesan tanto sobre Venezuela como sobre o Irán. Washington  ten despregou hai semanas unha misión naval en augas do Mar Caribe, fronte as costas de Venezuela, en base á "loita contra o narcotráfico".

Horas antes da chegada do Fortune e do Forest a Venezuela, o presidente do Irán, Hasan Rohani, advertiu: "Agardamos que os estadounidenses non se equivoquen". Nunha conversa telefónica co emir de Catar, segundo a web oficial da Presidencia iraniana, Rohani dixo que non iniciará ningún conflito, mais que se os seus buques no Caribe están "en problemas polos estadounidenses", eles, de modo recíproco, "tamén terán problemas".

Sancións e pandemia

As sancións dos Estados Unidos contra Petróleos de Venezuela (PDVSA) impiden que o Goberno poida comprar gasolina e aditivos para a súa elaboración. Esta situación provocou escaseza de combustíbel e racionamento das reservas, nun momento de maior dificultade debido á pandemia.

Ambulancias, corpos de seguridade, persoal sanitario e outros traballadores esenciais teñen que realizar filas até 72 horas en Caracas, e máis extensas noutros estados do país, para se poderen abastecer.

O 14 de maio o ministro de Exteriores venezolano, Jorge Arreaza, protestou pola persecución dos EUA aos petroleiros.

O acordo con Venezuela tamén beneficia ao Irán, dado que as súas vendas caeron por mor das sancións e da pandemia.

Comentarios