Chega o momento de Raxoi e de Vox no xuízo ao procés

Esta semana é a quenda das testemuñas no xuízo ao procés. Ten unha particularidade procesal moi relevante: as testemuñas están obrigadas a dicer verdade —non como as persoas acusadas, que poden até mentir en lexítima defensa— e non poden eludir ningún interrogatorio. Chega o momento de Mariano Raxoi e tamén de Vox.

Foto Javier Barbancho. 4/1/2018.Madrid              
Comunidad de Madrid

Oriol Junqueras entrando en furgon policial en el tribunal supremo.
photo_camera Furgón policial chega ao Supremo

Esta terza feira reanúdase a vista oral na sala segunda do Tribunal Supremo co epílogo dos interrogatorios ás acusadas. En concreto, é a quenda de Jordi Cuixart, ex presidente de Òmnium Cultural, e de Carme Forcadell, ex presidenta do Parlament. Ambos enfrentan cargos por rebelión e as peticións fiscais ascenden a 17 anos de prisión.

Cuixart será interrogado, como o foi Jordi Sànchez, en relación aos acontecimentos de 20 de setembro de 2017, cando miles de persoas arrodearon a sede da Consellaría de Economia no centro de Barcelona mentres se realizaba un rexistro policial no interior das súas dependencias na procura de material relacionado ao referendo que se acabaría realizando uns días despois, o 1 de outubro.

Estes feitos constitúen unha peza basilar na acusación da Fiscalía, que ten construído o relato de que a concentración foi un acto violento —producíronse destrozos en dous vehículos da Garda Civil— directamente inducido polos líderes dos colectivos cívicos independentistas. Na súa quenda Sànchez negou as acusacións, en todo caso moi febles para argumentar unha rebelión, delito que exixe un alzamento violento —armado— e continuado. No interrogatorio ao presidente da Asamblea Nacional Catalana ficou tamén en evidencia como este e Cuixart se preocuparon de habilitar un espazo —un corredor— para facilitar a saída do interior do edificio da comitiva xudicial ao cargo do rexistro.

Canto a Carme Forcadell, a ex presidenta da cámara catalá terá que dar conta dos distintos pasos que levaron á tramitación da declaración unilateral de independencia lida por ela propia no pleno do Parlament realizado o 27 de outubro de 2017, o día despois de Puigdemont amagar con convocar eleccións anticipadas, sen o facer finalmente, e nas vésperas de que Raxoi activase 155 desde a Moncloa.

Xa desde esa aquel momento o independentismo rebaixou o alcance xurídico da DUI, precisamente para blindar os seus líderes perante eventuais represalias xudiciais do estado. Porén, estas chegaron en forma de prisión provisional de máis dun ano de duración. É moi probábel que a liña de defensa de Forcadell vaia nesa mesma liña na sede do Supremo.

A hora das testemuñas

Con Cuixart e Forcadell remataría o capítulo dos interrogatorios ás persoas acusadas, caracterizado até o de agora pola manifesta incapacidade da Fiscalía á hora de soster con probas os graves cargos que imputan ás dirixentes do bloque independentista.

O xuízo pasa páxina e o protagonismo vai recaer agora nas testemuñas, a comezar polas políticas. O programa desta semana é o do máis apertado: na cuarta feira, na sesión matutina, declararán o portavoz de ERC no Congreso, Joan Tardà; o president do Parlament, Roger Torrent; o ex president da Generalitat, Artur Mas; e a ex vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría. Pola tarde será a quenda do ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi; ben como dos ex dirixentes soberanistas Marta Pascal  (PDeCAT), Núria de Gispert (ex Unió Democràtica de Catalunya e fundadadora de Demòcrates de Catalunya) e Eulália Reguant e Antonio Baños (CUP).

Na mañá da quinta feira achegarán os seus testemuños o lehendakari Íñigo Urkullu, a alcaldesa de Barcelona Ada Colau, o ex dirixente de Podem Albano Dante Fachín e o ex president do Parlament Ernest Benach. Na sesión vespertina responderán a fiscais e defensas o ex ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido; o ex líder de Catalunya en Comú Xavier Domènech e os altos cargos da Generalitat Josep Ginesta, Francesc Iglesias e Adriá Comella.

De todos os testemuños o que ten maior interese procesal é o de Mariano Raxoi. El terá que responder por que se existiu rebelión o seu goberno non declarou o estado de sitio e por que non convocou o Consello Nacional de Seguridade para abordar o asunto e eventualmente aplicar a Lei de Seguridade Nacional. As defensas tentarán pór en evidencia que en ningún momento Raxoi actuou como se con efecto se estivese a producir un alzamento violento —sinónimo de rebelión— en Catalunya.

Chega, en definitiva, o momento de Raxoi, mais sobre todo o momento de Javier Ortega Smith, avogado da acusación particular e secretario xeral de Vox. A diferenza das persoas acusadas ningunha das testemuñas poderán eludir o seu interrogatorio. En vésperas da campaña electoral Ortega Smith disporá dun formidábel altofalante para espallar o seu discurso ultraespañolista nun momento en que a extrema dereita emerxe en todas as enquisas.

Comentarios