Chávez podería tomar posesión após o 10 de xaneiro

Avogados constitucionalistas aseguran que a toma de posesión podería ser adiada sen que isto supuxese un acto contrario á Constitución.

Até o líder da dereita venezolana, Henrique Capriles, aseguraba dias atrás que o mandatario venezolano podería asumir de maneira oficiosa as súas funcións para alén da data fixada inicialmente pola Constitución. "Hai que ser moi serio e moi transparente nisto", aseguraba Capriles, quen engadía "Non perde a condición de presidente eleito unha persoa que non poida tomar posesión o día que está estabelecido".

Neste senso, o artigo 231 da Constitución de Venezuela recolle con clareza cal será o procedemento a seguir en caso de que o "presidente ou presidenta da República non puidese tomar posesión perante a Asemblea Nacional, faráo perante o Tribunal Supremo". Así pois, a Carta Magna "garante a existencia dun período constitucional de goberno inalterábel", asegura o avogado constitucionalista Hermánn Escarrá, malia que o mandatario posúa dificultades para adoptar legalmente as funcións que lle corresponden por dereito após as eleccións presidenciais.

Porén, a situación de Hugo Chávez posúe máis unha peculiaridade e é que o poder lexislativo lle entregou unha autorización para vaiaxar A Habana e permanecer na illa o tempo preciso para recibir tratamento médico.

Hermánn Escarrá: "A Consitución garante a existencia dun período constitucional de goberno inalterábel"

Malia a todo, a imprensa transnacional e sectores da dereita venezolana continúan a espallar a idea de que existe un baleiro de poder, que non se desenvolverá no marco da legalidade a toma de posesión do líder bolivariano e mesmo que este podería converterse en presidente sen necesidade de xurar ou prometer o seu cargo. Segundo afirma o constitucionalista Escarrá "hai que rexeitar con moita claridade calquera tese de baleiro de poder porque non existe". Neste senso, as autoridades gobernamentais denuncian a "guerra sucia e psicolóxica" iniciada desde diversas frontes contra o presidente Chávez e apelan á Consitución para asegurar que non "exista falta absoluta" de poder.

Nicolás Maduro, fixo un chamamento a que "respecten os dereitos de Chávez" e denunciou que algúns sectores procuren "con mentiras e intrigas" sementar "dúbidas e confusión" arredor da situación na que se atopa o líder da revolución bolivariana.

Comentarios