Chávez non tomará posesión o 10 de xaneiro

O Parlamento aproba por maioría que o presidente tome posesión perante o Tribunal Superior de Xustiza "cando se recupere totalmente".

Desta maneira a Asemblea Nacional venezolana concédelle unha ampliación ao permiso presidencial que goza Chávez e adía a súa toma de posesión de acordo co estabelecido pola Constitución. Disípanse así, todas as dúbidas a respecto da investidura do presidente.

Neste senso, Elvís Amoroso, asegurou que o líder bolivariano será investido como presidente da República após recupere a súa saúde e conte co visto e prace da equipa médica coa que segue o seu tratamento na Habana. "Presidente, tómese o seu tempo para que vostede volte con plena saúde", afirmou Amoroso durante a sesión ordinaria do Parlamento.

O acordo adoptado polo poder lexislativo outorga ao líder bolivariano,  "o tempo que sexa preciso" polo que o regreso de Chávez podería tardar. Durante ese tempo e de acordo co ordenamento xurídico venezolano, as institucións políticas do país serán convocadas para dar conformidade legal á devandita realidade política. No entanto, desde a oposición, insisten en considerar que a situación exixe da investidura do presidente da Asemblea como mandatario. Proposta, que foi en numerosas ocasións rexeitada polo goberno venezolano ao consideraren que a ausencia de Chávez non supón un baleiro de poder en ningún caso.

Comentarios