UNHA AXENTE DE POLICíA FOI ASASINADA A TIROS AO SUR DE PARíS

'Charlie Hebdo': após a solidariedade, as sospeitas

Sete persoas foron prendidas pola policía francesa após o ataque contra Charlie Hebdo no que foron asasinadas 12 persoas.

Je suis Charlie
photo_camera [Imaxe stephaniepulcrano.tumblr.com]

Após o acontecido na xornada de onte (7 de xaneiro) en París, onde 12 persoas foron asasinadas a tiros na redacción do semanario satírico Charlie Hebdon, numerosas foron as mostras de solidariedade e repulsa amosadas desde todo o mundo. Baixo o lema 'Je suis Charlie' [Eu son Charlie] millentas voces sumáronse para rexeitar conxuntamente o crime sobre o que pairan numerosos interrogantes 24 horas despois de acontecer. 

Detencións

Até o momento o primeiro ministro francés, Manuel Valls, confirmou a detención de sete persoas que se atopan "baixo custodia" en dependencias policiais. Unha delas, Mourad Hamyd, de 18 anos, entregouse de maneira voluntaria após coñecer que estaba a ser buscado pola policía e que fora difundida a súa identidade (tamén con fotografía) através dos medios de comunicación e as redes sociais. A policía deixouno en liberdade após interrogalo e confirmar a versión de Hamyd quen se atopaba na escola no momento do asasinato.

Mourad Hamyd, de 18 anos, entregouse de maneira voluntaria após coñecer que estaba a ser buscado pola policía. Foi posto en liberdade e exculpado.

A policía acusouno de facer parte do atentado xunto cos irmáns Said e Cherif Kouachi a quen apuntan como autores materiais do asasinato mais que non terían sido prendidos. As autoridades francesas difundiron os seus rostros e identidade apelando á "colaboración cidadá" para os atopar. Neste senso, Cherif Kouachi xa foi arrestado e xulgado en 2005 por facer parte, supostamente, dunha célula jihadista que enviaba militantes ao Iraq. Daquel xuízo, polo que foi condenado a 3 anos de cadea, cumpriu a metade. 

No entanto, as autoridades francesas non aportaron máis dados á espera dos "resultados que poidan dar os seus interrogatorios", sinalou Valls en conferencia de imprensa. 

Dúbidas sobre a autoría

Nas primeiras 24 horas despois do ataque contra a revista satírica mantéñense as dúbidas sobre a autoría das persoas que cometeron o crime na sede desta publicación francesa. 

Embora os medios de comunicación sistémicos apuntan cara ao jihadismo como responsábel o certo é que non fica claro, polo de agora, se se tratar dunha acción das características das levadas a cabo por Al-Qaeda --movemento ao que, segundo unha testemuña presencial, reivindicarían pertencer os agresores. 

Tamén fica por esclarecer se o acontecido en Paris podería ser atribuíbel a integrantes do ISIS, do jihadismo localizado en Siria e o Iraq ou se, ao fin e ao cabo, o crime constituiría unha resposta á participación francesa no conflito sirio ou a guerra de Mali. 

O que fica certo após os dados coñecidos é que se trata dunha acción desenvolvida por persoas que actuaron con profesionalidade e cun grao de planificación que arredan esta acción doutras de tipo individual perpetradas nos últimos meses.

Unha axente tiroteada após un accidente de tránsito

Esta quinta feira (8 de xaneiro) Paris amencía de novo alertado por un outro tiroteo acontecido ao sur da cidade e no que finou unha axente de policía. Perto da Porta de Chatillón diversas persoas deron conta ao servizo de emerxencias dun accidente de tránsito que atinxiu un vehículo de cor gris. 

Unha axente da policía foi asasinada a tiros no sur de Paris na mañá do 8 de xaneiro, de antemán non tería relación co ataque ao Charlie Hebdon

Até o lugar desprazouse unha patrulla da policía local parisina. Cando chegaron, e segundo relatou unha xornalista de France Info desprazada, un home "vestido de negro" disparou contra unha das axentes cun fusil de asalto. Outra persoa resultou ferida. 

Segundo Europe 1 un "sospeitoso" xa tería sido detido pola policía mais non se correspondería con ningunha das persoas arrestadas polo crime contra o Charlie Hebdo. 

Comentarios